Machado ofrece a medalla do Nobel a Trump polo seu "compromiso coa liberdade de Venezuela"
Trump cualificou a Machado como "unha muller marabillosa" e agradeceu o obsequio da medalla do Nobel, por ser unha "mostra de respecto mutuo"
A Casa Branca di que Machado é "unha voz valente", pero enxalza o traballo de Delcy Rodríguez
REUTERS
A líder opositora venezolana María Corina Machado entregou este xoves ao presidente dos EUA, Donald Trump, a medalla do Premio Nobel da Paz. Fíxoo "en gratitude polo seu extraordinario liderado para promover a paz". Explicou que é un detalle do pobo venezolano polas súas accións para encamiñar "a súa liberdade".
Tras o encontro, o primeiro que ambos manteñen doce días da captura do presidente, Nicolás Maduro, Machado asegurou que Trump estaba comprometido coa liberdade dos presos políticos e de todos os venezolanos.
O presidente dos Estados Unidos non saíu á porta recibir a Machado, e a xuntanza entre ambos celebrouse ao mesmo tempo que a voceira da Casa Branca daba unha conferencia de prensa. Tampouco compareceron xuntos no Despacho Oval ante os xornalistas.
Nunha mensaxe en Truth Social, o mandatario cualificou a Machado como "unha muller marabillosa" e agradeceu o obsequio da medalla do Nobel por ser unha "mostra de respecto mutuo".
Este mesmo xoves, o Centro Nobel da Paz subliñou en redes sociais que o galardón "non pode revogarse, compartirse nin transferirse a outros", e precisou que "unha medalla pode cambiar de dono, pero o título de Premio Nobel da Paz, non".