Publicador de contidos

Publicador de contidos

Os Estados Unidos acusan a Maduro e a muller de conspiración para torturas, ademais de narcoterrorismo

Os Estados Unidos acusan a Maduro e a muller de conspiración para torturas, ademais de narcoterrorismo

A Fiscalía acusa tamén a Cilia Flores de narcoterrorismo, cargo que ata agora só pesaba contra o seu marido

Ambos xa estaban acusados de conspiración para importar cocaína aos EUA e posesión e conspiración para posuír armas destrutoras

O xuíz nega a liberdade baixo fianza e o arresto domiciliario a Cilia Flores

Maduro na chegada á audiencia inicial en xaneiro de 2026. Reuters Maduro na chegada á audiencia inicial en xaneiro de 2026. Reuters
G24.gal 08/10/2026 17:38 Última actualización 08/10/2026 19:30

A xustiza dos Estados Unidos acusou este xoves o deposto líder venezolano Nicolás Maduro e a súa esposa, Cilia Flores, de conspiración para cometer torturas. A Fiscalía estadounidense presentou a nova imputación, mentres está prevista unha audiencia sobre a solicitude de arresto domiciliario presentada pola defensa de Flores.

A Fiscalía acúsalles de levar a cabo unha estratexia de "represión e torturas" para manterse no poder. En concreto, describe presuntas torturas levadas a cabo por Maduro e Flores contra opositores, militares e outras persoas detidas, incluídos tres cidadáns estadounidenses.

Os casos remóntanse a 2022 e chegan ata xaneiro de 2026, cando as forzas dos EUA arrestaron ao entón líder venezolano no palacio presidencial en Caracas. A Fiscalía asegura que as presuntas prácticas represivas do seu réxime causaron un dano "xeracional" a Venezuela e afectaron gravemente a cidadáns estadounidenses.

Ás portas do tribunal federal neoiorquino, o fiscal principal James M. McDonald denunciou que Maduro e Flores recorreron ao asasinato, as descargas eléctricas, a asfixia e abusos sistemáticos para "silenciar á oposición política" durante máis de dúas décadas.

A Fiscalía tamén acusa a Cilia Flores de narcoterrorismo, o único cargo que ata o de agora só pesaba contra Nicolás Maduro. A acusación atribúe a ambos conspiración para distribuír cocaína coa intención de proporcionar recursos a organizacións terroristas.

"(Os acusados) uníronse, conspiraron, confabularon e acordaron, de forma intencionada e a propósito, entre si e con outras persoas, infrinxir o artigo 960a do título 21 do Código dos Estados Unidos (que castiga o narcoterrorismo)", alega no escrito a Fiscalía.

Este cargo era o único que diferenciaba ata o de agora a acusación contra Maduro da presentada contra Flores. Sobre ambos xa pesaban os cargos de conspiración para importar cocaína aos EUA e posesión e conspiración para posuír armas destrutoras.

O xuíz nega a liberdade baixo fianza e o arresto domiciliario a Cilia Flores

O mesmo día en que a Fiscalía presentou as novas acusacións celebrouse unha audiencia para estudar a solicitude de arresto domiciliario presentada por Flores. O xuíz Alvin Hellerstein, do Tribunal Federal do Distrito Sur de Nova York, rexeitou a petición.

Flores, de 69 anos, permanece recluída no Centro de Detención Metropolitano de Brooklyn desde a súa captura e traslado xunto a Maduro por forzas estadounidenses o pasado 3 de xaneiro. A defensa solicitara o arresto domiciliario alegando o delicado e progresiva deterioración da súa saúde cardíaca e sostivo que as condicións da prisión prexudican a súa recuperación médica.

O maxistrado considerou que Flores representa un "forte risco" de fuxida e subliñou a gravidade do caso para xustificar a súa decisión, segundo explicou durante a vista.

Durante a vista, Flores mostrouse máis delgada que nas súas anteriores comparecencias. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade