Marcial Mouzo despídese do "Pensando en ti"
Deixa os micrófonos da Radio Galega despois de 41 anos
A audiencia agradeceulle a súa escoita, o acompañamento e a cura contra a soidade
Moitas noites en vela, insomnios compartidos, milleiros de historias contadas en directo e sobre todo, compañía. Iso trouxo Marcial Mouzo ao 'Pensando en ti', na Radio Galega. Esta foi a súa última noite deste lado do micrófono antes de se retirar tras 41 anos de traxectoria. O seu espazo continúa de luns a venres, de 1 a 6 da madrugada, con Pepe Capelán.
Foi a última vez que sentou na súa mesa, aínda que moitas noites entraba xa directo ao estudo. Este domingo tocaba deixar baleiro o armario e gardar a axenda desta casa como un dos últimos recordos. Marcial facía o seu último programa, pensando en todos, en cada un dos que compartiu con el historias de vida na intimidade da radio pública.
"Chegou o día, que mo ía dicir, 41 anos que quedan aí. Éntrame tristura por saber que vou pechar unha etapa marabillosa da miña vida. E agora que tanto falamos das redes sociais eu penso que a primeira rede social en Galicia foi o "Pensando en ti". Fomos pouco a pouco. Acórdome das primeiras chamadas, eran moi poucas, espaciadas... e eu dicíalle ao técnico que non nos escoitaba nin a nosa familia. Quen ía escoitar a radio desas horas?, dicía Marcial Mouzo, unhas horas antes da súa despedida.
Pero aí estaban, os panadeiros, os transportistas, os mariñeiros, e todos os que durmen pouco.
"Cada vez vemos máis persoas vivindo soas e o que é peor, morrendo soas. E aí estamos nós, acompañando. Hai moita xente que chama simplemente para ter con quen falar. Funlle collendo tanto cariño a toda esta xente que me contou tantas historias ao longo de tantos anos, que acabei crendo que isto é máis ca un programa de radio, isto é unha familia", insiste Macial.
Unha familia, do país e da diáspora, que lle amosou o seu cariño ao longo de todos estes días.
"Para min foi un faro, unha luz, que me fixeches acercar máis á miña terra e tamén tratar de non esquecer a miña lingua, dicíalle un ouvinte.
"Vouche dar un abrazo moi grande, deste non escapas", despedíase Isi de Marcial .