Publicador de contidos

Publicador de contidos

Manuel César, concelleiro de Facenda de Santiago, presenta a súa renuncia ao cargo por "cuestións privados e familiares"

Manuel César, concelleiro de Facenda de Santiago, presenta a súa renuncia ao cargo por "cuestións privados e familiares"

Saleta Chao Rivas, deputada do Bloque no Parlamento, incorporarase ao Goberno local

Concello de Santiago Concello de Santiago
G24.gal 13/10/2026 14:05

O concelleiro de Facenda de Santiago, Manuel César, presentou a súa renuncia ao cargo por "cuestións privados e familiares" que lle impiden compatibilizar o "intenso" traballo e dedicación municipal coa súa situación privada. A renuncia farase efectiva tras a súa toma de coñecemento nun pleno municipal convocado para o vindeiro venres ás 11:00 horas.

César chegou á sala de prensa acompañado da alcaldesa, Goretti Sanmartín, e compañeiros da corporación municipal e do BNG, para trasladar ante os medios a súa renuncia como edil. "É unha decisión difícil, meditada, pero analizada a situación, abócame a tomala", asegurou.

Durante a súa intervención, o, ata agora, responsable das contas municipais agradeceu a todos os seus compañeiros o seu "traballo, esforzo e dedicación" nestes tres anos. Especialmente, tivo palabras de afecto cara aos interventores, o tesoureiro e a xefa de contabilidade, que mostraron unha "implicación total" neste período de tempo.

Así mesmo, agradeceu o seu traballo ao resto de persoal municipal, incluíndo directores de área, coordinadores, secretarios, persoal de servizo e tamén á representación sindical.

"A pesar dos debates e das xornadas duras que tivemos nalgunhas mesas de negociación, tamén creo que trataron de facilitar as cousas para que saíse todo adiante", apuntou sobre estes últimos. Para pechar os agradecementos, Manuel César referiuse á corporación municipal, presentes na comparecencia, e á propia alcaldesa.

"Que non estea no Concello non quere dicir que non vaia traballar na política. Levo a maior parte da miña vida colaborando en política e seguirei na organización -o BNG- e axudando a que Goretti Sanmartín sexa a próxima alcaldesa en 2027", subliñou.

O seu labor estes anos

En relación ao seu papel durante estes anos ao mando das contas municipais, Manuel César afirmou que asumiu as áreas de xestión co obxectivo de "traballar co que se había para mellorar e avanzar na mellora continua e na calidade" do concello. Ao fío diso defendeu o traballo realizado neste período de tempo, destacando actuacións como as modificacións de varias ordenanzas fiscais para simplificar os trámites administrativos, facilitar o acceso a bonificacións e permitir o aprazamento e fraccionamento de débedas.

Outro dos avances que reivindicou é a implantación da taxa turística en Santiago, desenvolvida en colaboración coa área de Turismo. Segundo remarcou, Rajoy foi un dos primeiros concellos de Galicia en aplicar este gravame e puxo en marcha nun prazo reducido o procedemento de autoliquidación. No ámbito económico, César defendeu que durante a súa etapa non incrementaron os impostos municipais, pese ao aumento dos custos asociados a contratos públicos.

Tamén asegurou que se mantivo a estabilidade orzamentaria e reduciuse o endebedamento financeiro coas entidades bancarias con respecto ao que había á súa chegada ao Goberno. Ademais, o ata gora concelleiro lembrou que se están acabando os traballos de valoración dos postos de traballo cun convenio coa USC, que permitirá aprobar a primeira RPT neste concello e establecer contías económicas para os complementos salariais, entre outras melloras. Finalmente, César puxo en valor a licitación de servizos que levaban anos pendentes, entre eles o transporte público urbano e os contratos de conserxaría e limpeza dos centros de educación infantil e primaria.

Saleta Chao entra ao Goberno

Goretti Sanmartín confirmou que Saleta Chao Rivas, que ocupaba o número sete da lista electoral do BNG, será a persoa que substitúa a César na corporación municipal. A futura concelleira é actualmente portavoz de Turismo do Bloque no Parlamento galego e xa traballou anteriormente no gabinete municipal, polo que coñece o funcionamento interno do Concello. "Ten un plus engadido de coñecemento da casa, de traballar aquí e de estar moi familiarizada con todo o que son os procedementos administrativos e procedementos de xestión do Concello de Santiago", indicou a alcaldesa.

Neste sentido, a mandataria local sinalou que nunha próxima comparecencia abordaranse as cuestións relacionadas coa repartición de competencias e a incorporación da nova edila ao Goberno local. 

Polo momento, centrou a súa intervención en agradecer o traballo realizado por César, valorando o seu balance no Goberno local como "moi satisfactorio" e insistindo en que a súa saída non supón o fin da súa colaboración coa organización nacionalista. "Este non é ningún punto final", manifestou, engadindo que continuará apoiando o grupo municipal e á persoa que o substitúa. A renuncia do edil farase efectiva tras a súa toma de coñecemento nun pleno municipal convocado para o vindeiro venres, 16 de outubro, ás 11:00 horas.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade