Manuel Castiñeiras: "Non entendo por que non podemos xogar estes días contra o Salamanca"
O director deportivo da S. D. Compostela advirte da inxustiza de ter que enfrontarse a un equipo que se está a reforzar nestes días
O recinto de Expourense está acollendo este sábado os Campionatos Autonómicos de Atletismo Máster. Nunha das categorías competiu un ilustre exfutbolista, o actual director deportivo da S. D. Compostela Manuel Castiñeiras. Ademais de falar sobre a súa nova faceta coma atleta, Castiñeiras tamén comentou as últimas novas de actualidade do conxunto santiagués.
"É unha fin de semana atípica e non é normal. Aproveitaremos para ver fútbol do noso filial. Non entendo por que non podemos xogar contra o Salamanca ou este domingo ou o martes. O Leganés B si que xogará e tamén tivo positivos. Non recibimos aínda resposta da RFEF e toca agardar e pensar no Pontevedra. Non nos gustaría que logo se xuntasen moitos partidos en poucas datas".
Continúa Castiñeiras argumentando a inxustiza da situación, que provocará que o Salamanca xogue con máis e mellores xogadores que na data prevista.
"A RFEF díxonos que nos puxésemos de acordo, se non poñerían eles a data. Dixemos o domingo e nada. E así seguimos. Xa cando falei co Salamanca dixeron que eles ata que pasasen quince días non querían xogar. Xa asinaron unha fichaxe e van seguir fichando. Iso non é xusto nin co Compostela nin co resto de rivais. O Salamanca co que nos imos enfrontar en febreiro ou marzo non ten nada que ver co Salamanca co que xogariamos agora ou a fin de semana pasada".