A UD Ourense gaña tamén en Cuenca (0-2) e acada o ascenso á Primeira Federación
Hugo Busto e Migui acadaron os goles do triunfo sobre a bucina para certificar o ascenso
Sétimo ascenso da historia do equipo, que xogará na terceira categoría do fútbol español
A UD Ourense fixo historia na Fuensanta. No campo do Conquense debían defender a vantaxe mínima que lles dera o gol de Santi de Prado na ida, nunha eliminatoria que se complicou no medio da semana por culpa da decisión federativa que lle daba vantaxe aos conquenses no caso de igualada. Abondáballes un gol, pero este non chegou, e si o fixeron os de Hugo Busto e Migui nos últimos minutos para certificar o ascenso.
Logo dos minutos de tanteo iniciais, o Conquense comezou a ter algo máis de presenza ofensiva, pero sen inquedar a Bruno Rielo. Os ourensáns achegábanse tímidamente á área local, pero as primeiras ocasión sclara non chegou ata despois da pausa de hidratación. Foron un remate de Ale Sánchez que saíu lambendo o pau galego, e nun centro desde a esquerda que Rufo rematou demasiado cruzado, e que puido ser o primeiro da UD.
Nos minutos finais da primeira metade houbo algunha lea típica dun encontro de tanta tensión, e chegouse ao descanso sen goles. Á volta de pausa, a primeira foi para o Conquense, e Bruno Rielo tivo que empregarse a fondo para chapar o remate raso desde a frontal. E, a seguir, un barullo na área galega saldouse cun par de disparos rexeitados de xeito milagreiro.
O partido tiña alternativas, e a UD puido adiantarse outra vez. Justino entrou pola esquerda, e o seu envío rematouno Champi desde a frontal lambendo o pau. Pero, xusto despois, outra vez Bruno Rielo detivo un remate de Eghosa desde o segundo pau.
Pasaban os minutos e a UD Ourense seguía sen pasar por excesivos atrancos, mentres o Conquense non atopaba os camiños para inquedar a Bruno Rielo. E os galegos non renunciaban a buscar o tanto, que chegou no 90. Foi nunha contra á saída dun córner que culminou Hugo Busto. Cos conquenses tocados, e no tempo engadido, outra contra culminábaa Migui co 0-2 definitivo.
O asubío final desatou a tolemia ourensanista sobre o céspede da Fuensanta, e tamén na Cidade das Burgas, que volverá ter un representante na Primeira RFEF. A UD Ourense estrearáse a temporada que vén na terceira categoría.