Publicador de contidos

Publicador de contidos

Manolo González, o adestrador revelación da liga coa semente en Folgoso do Courel

Manolo González, o adestrador revelación da liga coa semente en Folgoso do Courel

Primeiro ascendeu o equipo a Primeira, o ano pasado salvouno e este ano situou o Español en postos europeos

Foto RCDE
G24.gal 26/12/2025 10:56 Última actualización 26/12/2025 11:03

No atlas humano de Manolo González hai un territorio emocional, de terra a dentro: no Folgoso do Courel, onde naceu sen perder de vista a costa do fútbol. Volvía a Galicia para xogar na Copa contra o San Tirso dende Barcelona, onde se criou e moceou, e onde foi debuxando con liñas de cal e amosegas modestas no Fútbol Club Martinenc, Gramanet, Montañesa ou Badalona o plano do seu tesouro futbolístico.

Honrado a carta cabal por campos menores de éxito silandeiro en categorías de batalla até que a oportunidade bateu á porta. Chegou da man dun empresario chinés ao que entendeu fácil coa súa máquina de traducir fútbol. Presentouse en Primeira tras quitar ao Español do pozo en 2024, pelexar toda a tempada pasada para manter aos pericos na categoría máis grande e facer do arranque da liga 2025-26 un prodixio de valentía e sentido común, nada corrente.

"É moi bonito dicir que veño a peito descuberto. Trátase de ser adestrador e non un indio".

Dende 1980, con goles de Urbano e Marañón, non remontaba o Español ao Athletic en San Mamés. O do domingo na Catedral nova foi o último chispazo de 2025 dos de González, que son quintos nunha primeira volta da liga na que derrotaron o Atlético de Simeone, dobregaron en Balaídos aos de Giráldez e agardan xa para xaneiro o derbi co Barça todo, cun equipo de talonario escaso e moito brío mental do de Folgoso.   

"É difícil. A xente quere resultados sen gastar un euro. É como se quero ter pelo sen gastar un euro".

Milimétrico na análise, impenitente no esforzo; de corazón amplo e de fidelidade estrema, a Manolo González venlle o vento a prol na lestía pola banda de Cornellá. Impídelle recoñecelo a súa modestia de neno emigrado, mais para iso estamos os demais, para lembrar o retrouso daquel político italiano de posguerra, Giulio Andreotti, que rexoubeiro afirmaba: "Sei que son un home medio, pero cando miro ao meu arredor non vexo ningún xigante".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade