Hidalgo reflexiona sobre o penalti de Burgos: "No fútbol español falla o sentido común"
O adestrador non quixo valorar a decisión do CTA de darlle a razón ao Deportivo pero laiase polo cartón a Quagliata que o deixa no límite da suspensión
O adestrador quere mellorar as prestacións defensivas despois de encaixar goles en nove dos últimos dez encontros
O Deportivo xoga este venres diante do Leganés (18:30 horas) abrindo a xornada no tocante aos aspirantes a lograr o ascenso a Primeira División. Rácing, Almería, As Palmas, Castelló ou Málaga xogarán sabendo o resultado do cadro coruñés que, no caso de ser positivo, meteríalle presión aos seus rivais.
O cadro coruñés chega despois do empate do sábado pasado en Burgos, un partido que estivo marcado polo penalti asubiado a Quagliata e sobre o que esta semana se pronunciou o Comité Técnico de Árbitros (CTA) dándolle a razón ao Deportivo nas súas protestas. Esa infracción tamén lle custou o cartón a Quagliata que queda no límite da suspensión. Hidalgo non quixo mollarse sobre o escrito do CTA pero asegurou que "no fútbol español falla o sentido común".
O que pide o adestrador deportivista é mellorar no aspecto defensivo. Dos últimos dez partidos só nun deixou a porta a cero (a vitoria por 2-0 diante do Córdoba). No resto encaixou cando menos un gol e iso é algo que quere mellorar Hidalgo: "Temos que ser máis contundentes, tanto na nosa área como na contraria si queremos aspirar ao ascenso directo", asegurou.
Ximo Navarro será dúbida ata última hora despois de recibir un golpe no partido do Plantío. O lateral dereito xa traballou ao mesmo ritmo que os compañeiros na sesión do mércores e comentoulle ao técnico que está a disposición para xogar.