Malvela, Cristina Castaño, o Luar e a emigración galega en Euskadi reciben os Rebulir
Estes premios, creados no 2012, recoñecen persoas e colectivos que contribúen á difusión da cultura galega
As integrantes de Malvela tras recibir o galardón
O grupo de cantareiras Malvela, a actriz Cristina Castaño, o programa da TVG Luar e a emigración galega en Euskadi recibiron este sábado os premios Rebulir.
Estes galardóns, que naceron no ano 2012, recoñecen persoas e colectivos que contribúen á difusión e posta en valor da cultura galega.
A entrega dos premios faise no marco da gala central do Festival Internacional Rebulir (FIR) que se celebrou no pavillón do Picouto en Ramirás.
Cé Orquestra Pantasma, o vigués César Freiría coa súa música, foi o fío condutor do acto no que participaron máis de 700 persoas.
A música de Cé Orquestra Pantasma foi o fío condutor da gala
O primeiro premio recibiuno Malvela na categoría de música galega. As integrantes da formación de Sanguiñeda recolleron o galardón da man do presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices.
Despois, Marita Castaño recolleu o premio de artes escénicas en nome da súa filla Cristina, que non puido asistir. Neste caso, foi o presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, quen se fixo cargo.
Luar recibiu o premio homenaxe e o seu presentador, Xosé Ramón Gayoso, que tampouco puido acudir, deixou unha mensaxe con mención especial ao grupo Rebulir e a súa "investigación, conservación e divulgación da cultura e a identidade galegas".
Mónica Calvo, presidenta da Irmandade de Centros Galegos en Euskadi e do Centro Galego de Áraba, recoller a Mención Honorífica Rogelio García Yáñez á emigración galega en Euskadi
A primeira desas entidades aglutina unha decena de asociacións galegas nunha comunidade autónoma na que viven preto de 42.000 persoas nadas en Galicia.
Anxo Lorenzo, director xeral de Cultura, e Antonio Rodríguez, secretario xeral de Emigración, entregaron o premio homenaxe e a mención honorífica.