Malleira dun Baxi Ferrol imparable no inicio da LF Challenge
Estivo a piques de dobrar en puntuación o Cordoba (85-43) e gañou os sete partidos xogados
O Baxi Ferrol quere recuperar o posto na elite do baloncesto feminino pola vía rápida. No partido xogado este martes correspondente á sétima xornada da LF Challenge mallou no Córdoba por un resultado que fala ás claras do que foi o partido: 85-43.
O equipo ferrolán non está a atopar rival neste comezo de campionato tal e como demostran os seus espectaculares números. Contra o Córdoba, a superioridade foi manifesta desde o primeiro cuarto (23-14) e o partido estaba resolto ao descanso (45-25). Lonxe de relaxarse, o Baxi continuou coa súa boa dinámica de xogo ata o final, no que conseguiu un marcador de escándalo.
Cinco xogadoras pasaron dos dez puntos, con Irene Gari como a máis destacada, con 18 puntos. Todo o equipo rival quedou cun ridículo 23 de valoración xuntando todas as xogadoras cordobesas.