Máis de 90.000 persoas faleceron en España por covid–19 desde o inicio da pandemia
A pesar dese dato, continúa baixando a taxa de letalidade
A incidencia no conxunto do país achégase aos 3.000 casos
.png)
Tras as festividades do Nadal, a trasmisión do coronavirus segue á alza, con 292.394 contaxios notificados durante a fin de semana e un aumento da incidencia de 267 puntos, ata os 2.989 casos. Estas cifras continúan empuxando a presión hospitalaria en planta (13,4 %) e nas unidades intensivas (23,5 %), moi en tensión nalgunhas comunidades autónoma por causa dos ingresos por covid–19.
Os datos do Ministerio de Sanidade indican que dos novos positivos notificados tras a fin de semana, 44.039 foron diagnosticados nas últimas 24 horas. Tras consignarse 202 falecementos, xa se superan os 90.000 mortos polo virus, 373 deles na última semana, cunha taxa de letalidade que se sitúa no 1,2 %, fronte ao 1,3 % da semana pasada.
En total hai 16.496 ingresados en toda España, 2.023 graves nas unidades de coidados intensivos, moi por encima dos 10.000 pacientes nos hospitais nos picos da cuarta e quinta vagas.