Máis de 80 mortos nun caiuco á deriva ao sur das Canarias tras 26 días no mar
A embarcación, que partira desde Gambia cara ás Canarias con 128 ocupantes, foi rescatado este xoves de madrugada á deriva ao sur de Gran Canaria
Rescate dun caiuco no Hierro este mes de agosto (EFE/Gelmert Finol)
Máis de 80 persoas, entre elas unha meniña, morreron nun caiuco que saíu hai 26 días desde Gambia cara ás Canarias con 128 ocupantes e foi rescatado este xoves de madrugada á deriva ao sur de Canarias, cando só quedaban a bordo 44 sobreviventes e cinco cadáveres.
Segundo confirmou Salvamento Marítimo, a embarcación foi localizada por un dos seus avións este mércores pola tarde a 120 quilómetros de Gran Canaria e recibiu a axuda da Guardamar Urania á medianoite.
Os rescatadores víronse obrigados a deixar no caiuco os cinco corpos localizados, debido ao mal estado do mar. con forte ondada, e á urxencia por ofrecer axuda médica aos sobreviventes. "Eran auténticos cadáveres en vida, como zombis. Derrubábanse, non se sostiñan. A maioría tiña alucinacións, algún mesmo trataba de golpearnos", contou a EFE un dos rescatadores.
Os mariñeiros da Urania contabilizaron a bordo do caiuco cinco falecidos, todos de homes, pero sen descartar que houbese algún máis, porque era de noite, a embarcación tiña o fondo cheo de auga e as ondas golpeábana constantemente contra o seu casco.
A Garda Civil confirmou á oenegué española Caminando Fronteras que o caiuco tiña unhas inscricións no seu casco que coinciden cunha embarcación que partiu o 7 de setembro desde Gambia con 128 ocupantes, entre eles catro mulleres e unha bebé.
Este dato concorda co testemuño dos sobreviventes, que contaron á Cruz Vermella durante a súa asistencia no peirao de Arguineguín que saíran cara ás Canarias con máis de cen persoas, moitas das cales morreron durante a travesía.
Durante o regreso da Guardamar Urania cara a Gran Canaria, Salvamento Marítimo tivo que enviar un helicóptero para que evacuase de emerxencia a tres dos sobreviventes aos hospitais das Palma de Gran Canaria, dado o seu precario estado de saúde.
Os demais chegaron sobre as 3:30 a terra esgotados e sen apenas sosterse en pé. De feito, membros do equipo humanitario que os atendeu contaron a EFE que se derrubaban sobre a mesa cando a Policía os sentaba para anotar o seu nome e procedencia. Segundo os primeiros datos, aínda provisionais, os sobreviventes son todos homes procedentes de Gambia e Mali.
O 112 de Canarias precisa que seis deles foron hospitalizados con cadros de deshidratación e desorientación, así como síntomas de beber auga do mar. Ademais, dous dos ingresados presentaban traumatismos.