Máis de 3.000 ucraínos aprenden castelán nun curso da UNED
A Universidade Nacional de Educación a Distancia súmase á onda de solidariedade con Ucraína
Os cursos de castelán son balde para refuxiados
A un lado da pantalla, Sofiya Likhoray, profesora de alemán na UNED en Pontevedra e agora tamén improvisada mestra de castelán. A outro lado, milleiros de ucraínos intentando aprender a lingua do país que os acolleu. En Galicia sempre soubemos o duras que son as barreiras idiomáticas.
"A especial sensibilidade que temos os galegos co tema da emigración e o desarraigamento é o que nos fai empatizar un pouco máis aínda coa situación que están sufrindo os ucraínos", comenta Rafael Cotelo, coordinador de Extensión Universitaria na UNED Pontevedra
Hai moita ilusión por axudar, a tecnoloxía fai o resto.
"O curso pódese seguir en directo ou en diferido, temos un repositorio, co cal queda gravado, e estamos encantadísimos, superorgullosos desta iniciativa, e está claro que era unha necesidade imperiosa, temos máis de tres mil e pico matriculados e a progresión é que penso que chegaremos a máis de seis mil", explica Rafael.
Sofiya é ucraína, pero leva 14 anos vivindo en Galicia, por iso sabe moi ben que para integrarse, ademais da lingua, hai que coñecer a cultura.
"Unha lingua non é só unha ferramenta que usamos para entender de A a B, non, é que é a ventá cara á cultura, cara á forma de ver o mundo", conta Sofiya Likhoray, profesora de idiomas na UNED
Hoxe na clase aprenden a identificar as profesións. Hai que preparalos para que poidan atopar traballo.
"O que queremos é rematar coa brecha do idioma e que poidan acceder incluso ao mercado laboral", insiste Rafael.
Paralelamente ao curso, crearon un foro que serve tamén de punto de encontro para todos os refuxiados que chegaron ao noso país.