Magnífica xornada para os tres equipos galegos da Liga Feminina de baloncesto
O Ensino e o Celta gañan como visitantes dous partidos fundamentais para saíren dos postos de descenso
O Baxi Ferrol imponse na Malata ao Euskotren
Tres vitorias en tres partidos. A xornada do venres foi redonda para os tres equipos galegos da Liga Feminina de baloncesto. O resultado máis sorprendente foi a vitoria do Celta Femxa Zorka na pista do Casademont Zaragoza (62-65) un dos equipos máis importantes da competición.
Foi un gran partido do equipo vigués que dominaba ao descanso por 30-38. No terceiro cuarto chegaron a ter unha máxima diferenza de quince puntos (35-50), pero o Zaragoza comezou a reacción e conseguiu poñerse a tres puntos a catro minutos do final (57-60). O Celta aguantou grazas ao gran traballo de Tadic (16 puntos) e levou unha vitoria vital.

Tamén era decisivo o partido do Durán Maquinaria Ensino na pista do Ardoi, pechacancelas da categoría pero cunha vitoria menos que as lucenses. Gañou o Ensino por 66-70 nun partido moi igualado. Ao descanso o resultado era de 35-34 e a tres minutos do final gañaban as locais por 66-62. O Ensino fixo nese treito un parcial de 0-8 para levar o encontro. Fequiere, con 21 puntos, foi a máxima anotadora do partido.
O Baxi Ferrol sentencia no segundo tempo
A terceira vitoria da xornada chegou da man do Baxi Ferrol. Gañoulle por 62-51 ao IDK Euskotren, equipo que está na pelexa por evitar o descenso. Ao remate do terceiro cuarto gañaba o equipo vasco por 41-43 pero no último cuarto o conxunto ferrolán demostrou a súa calidade cun contundente parcial de 21-8. Nun triunfo moi coral destacaron Joiner e Melia con 12 puntos.