Publicador de contidos

Publicador de contidos

Os veciños evacuados polos incendios na Costa da Morte regresan ás súas casas

Os veciños evacuados polos incendios na Costa da Morte regresan ás súas casas

O incendio que motivou o desaloxo de Corme Aldea, no concello de Ponteceso, alcanza xa as 60 hectáreas, mentres que en Camariñas xa arderon unhas 50

Na Fonsagrada outro grande incendio activo queimou xa 90 hectáteas

Imaxe desta noite do Incendio forestal na parroquia de Corme, Ponteceso Imaxe desta noite do Incendio forestal na parroquia de Corme, Ponteceso
G24.gal 06/08/2025 00:58 Última actualización 06/08/2025 14:43

Os veciños da Costa da Morte que este luns tiveron que se evacuados regresaron xa ás súas casas. Aínda que á noitiña deste luns xa se deu autorización para que puidesen volver, foron moitos os que decidiron pasar a madrugada lonxe das súas vivendas, agardando a que se fixese de día para poder retornar.

Segundo informan as autoridades, nestes momentos non hai risco para as vivendas nin hai estradas cortadas. Con todo, polo momento non se rebaixou o nivel de Situación 2 de emerxencia

Incendio en Corme Aldea

En Corme Aldea, Ponteceso, o lume prendeu pasadas as dúas da tarde, e segundo as últimas estimacións de Medio Rural xa queimou máis de 60 hectáreas

O alcalde de Ponteceso, José Manuel Mato, en declaracións á Radio Galega, explicaba de madrugada que os efectivos de extinción se centraban nun foco na entrada de Corme Porto "para tentar chegar vivos á mañá". Unha ducia de persoas permanecía no pavillón municipal e outras estaban con familiares.

Ata o momento, para a súa extinción mobilizáronse 3 técnicos, 10 axentes, 12 brigadas, 11 motobombas, 4 pas e 3 unidades técnicas de apoio. A última hora da tarde de onte puideron incorporarse aos labores de extinción 2 avións, que operaron na zona malia que as condicións climatolóxicas non eran favorables para os medios aéreos.

Ademais, participan nos labores de extinción efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME), logo de que a Xunta activase a solicitude.

En declaracións aos medios na tarde do martes, a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, cualificaba de "atentado" o lume desta parroquia e sinalouno como "intencionado". Este é o sexto incendio en catro días que se produce na localidade, dos cales un está extinguido, outro está estabilizado, outro controlado e dous foron de pequena entidade.

En concreto, o da parroquia de Cospindo foi extinguido (245 hectáreas) --aínda que se apunta a que este de gran afectación en Balarés está orixinado por un cable de alta tensión--, mentres está estabilizado o de Brantuas (170 hectáreas) e controlado o A Graña (preto de 100 hectáreas).

Situación 2 en Camariñas

Tamén seguen activo o incendio declarado en Camariñas, na parroquia de Xaviña. Alí iniciouse pouco ante das cinco da tarde, e a superficie queimada chega, segundo a última actualización de Medio Rural, ás 50 hectáreas. A situación 2 decretouse como medida preventiva pola proximidade do lume ás vivendas do lugar de Pedrouzo.

A rexedora, Sandra Insua, explicaba que este mércores a situación era moito mellor. "Segue activo, pero está basante controlado. Agora mesmo están coidando que non pase un regato, porque suporía poñer en risco outra vez as casas do Pedrouzo".

"Agora mesmo a cousa está tranquila, os veciños máis tranquilos", afirmaba a alcaldesa de Camariñas, quen aproveitaba para agradecer o traballo solidario de moita xente que se achegou na tarde deste martes para botar unha man.

Para a súa extinción mobilizáronse polo momento un técnico, 8 axentes, 10 brigadas, 6 motobombas e un helicóptero. Amais, tamén se conta, como en Corme Aldea co reforzo dos militares da UME.

Tamén se mantén activo un incendio no concello lugués da Fonsagrada, na parroquia de Meseiro. Iniciouse ás 15:30 deste luns e a estimación de hectáreas queimadas é de 120. Alí dous brigadistas de Asturias rescataron tres veciños que escaparan da casa a outra situada a uns quilómetros pola proximidade das lapas. O alcalde, Carlos López, confirmaba que non hai vivendas en perigo.

Para a súa extinción mobilizáronse ata o momento 3 técnicos, 9 axentes, 12 brigadas, 11 motobombas, 3 pas, 6 helicópteros e 7 avións.

Medio Rural informou de que están controlados os incendios en Mondariz-Riofrío e Vilardevós-Terroso, onde en total arderon 590 hectáreas.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade