Publicador de contidos
Publicador de contidos

Macron nomea o conservador Michel Barnier primeiro ministro de Francia

Macron nomea o conservador Michel Barnier primeiro ministro de Francia

Barnier, de 73 anos, ocupara xa o cargo de ministro con Chirac e Sarkozy e tamén de comisario europeo

Barnier foi seleccionado por Macron despois de que outras figuras que barallara anteriormente tiveran o veto da esquerda e da ultradereita

Michel Barnier (dereita) despois da súa toma de posesión Michel Barnier (dereita) despois da súa toma de posesión
G24.gal 05/09/2024 13:46 Última actualización 05/09/2024 20:32

 O novo primeiro ministro francés, Michel Barnier, prometeu este xoves escribir unha nova páxina "útil" para unha Francia que atravesa un "momento grave", e incluíu entre as prioridades do seu Goberno varias das lanzadas pola extrema dereita de Marine Le Pen, que será clave para a súa supervivencia.

Tras o traspaso oficial de poderes no Palacio de Matignon de mans do seu predecesor, o macronista Gabriel Attal, Barnier declarou que asume o Goberno con "moita humildade" e sinalou que tratará de responder tanto como sexa posible "aos retos, a rabia, o sufrimento, a sensación de abandono e de inxustiza que son demasiado frecuentes" en cidades, barrios e áreas rurais.

Entre as súas prioridades mencionou temas como dicir a verdade sobre a "débeda financeira e ecolóxica" ou aumentar a influencia de Francia en Europa, pero tamén varios dos asuntos que a Agrupación Nacional (RN) de Marine Le Pen mencionou como prioritarios para que o seu partido non o censure, como o "control" da inmigración ou a seguridade.

O dirixente conservador, que anteriormente foi ministro e comisario europeo, tamén fixo moito fincapé en que haberá "cambios e rupturas" e en que o seu Goberno será de respecto, en primeiro lugar cara ao Parlamento, pero tamén cara a todas as formacións políticas.

"E digo ben, de todas as forzas políticas", recalcou.

Iso significa a priori non excluír ao RN, tal e como reclamaba tamén Le Pen, especialmente á vista de que o seu partido foi a forza máis votada nas últimas eleccións lexislativas, aínda que en número de deputados sexan tan só o terceiro bloque da Asemblea Nacional debido á 'fronte republicana' posta en marcha por outras forzas.

"O Goberno non pretenderá que é o único que posúe todos os coñecementos por ciencia infusa", asegurou, e recoñeceu que fará falta "actuar máis que falar".

Onda Barnier compareceu tamén Attal para despedirse das súas funcións como primeiro ministro, materializando a substitución entre o primeiro ministro máis novo da historia recente de Francia (35 anos actualmente) e o máis maior (73).

"A política francesa está enferma", lamentou o deputado macronista, pero a "cura" é posible se todo o mundo acepta "saír do sectarismo", admitiu Attal.

O conservador Michel Barnier, exministro e excomisario europeo, foi nomeado este xoves primeiro ministro de Francia polo presidente Emmanuel Macron.

A Barnier, de 73 anos, encargóuselle "formar un Goberno de unión ao servizo do país e dos franceses", destacou a presidencia francesa nun comunicado.

O nomeamento de Barnier, prodúcese "tras un ciclo inédito de consultas" en que o presidente "se asegurou de que o primeiro ministro e o próximo Goberno reunisen as condicións para ter a maior estabilidade posible".

A súa designación anunciouse minutos despois de que saíra dunha reunión privada con Macron no Elíseo.

O nomeamento chega tras dúas semanas de intensas consultas políticas de Macron e a piques de que o sábado faga dous meses da segunda volta das eleccións lexislativas, que deixou unha Asemblea Nacional sen maioría clara e enormemente dividida.

Barnier foi seleccionado por Macron despois de que outras figuras que barallara anteriormente toparan cos vetos da esquerda e da ultradereita, que son dous dos tres grandes bloques na actual Asemblea Nacional.

A secretaria nacional do partido ecoloxista, Marine Tondelier, acusou a Macron de "someterse" á líder ultradereitista, Maine Le Pen, xa que esta última ameazara con censurar a outros posibles primeiros ministros, entre eles o tamén conservador Xavier Bertrand.

"Ao final xa sabemos quen decide. Chámase Marine Le Pen. É a ela a quen Macron decidiu someterse", criticou Tondelier, en declaracións a FranceInfo.

O novo primeiro ministro ten unha ampla experiencia política en Francia e nas institucións da Unión Europea.

O seu último cargo foi o de negociador europeo para o brexit entre 2016 e 2021, despois de ser comisario europeo en dúas ocasións: Mercado Interior (2010-14) e Política Rexional (1999-2004).

Foi ministro de Exteriores entre 2004-05 durante a presidencia de Jacques Chirac, e de Agricultura entre 2007-09 con Nicolas Sarkozy no Elíseo, e antes érao de Medio Ambiente e de Asuntos Europeos.

Nunha longa carreira política que comezou en 1973, tamén foi membro do Parlamento Europeo e deputado e senador en Francia.

A esquerda cualifica o nomeamento de "roubo electoral"

 O líder esquerdista Jean-Luc Mélenchon, fundador da Francia Insubmisa (LFI), cargou duramente contra o presidente francés, Emmanuel Macron, por nomear primeiro ministro ao conservador Michel Barnier e acusouno de roubar as eleccións.

"É un roubo electoral", afirmou Mélenchon, tras lembrar que Barnier sae dun partido, os Republicanos, que quedou o último entre as grandes formacións políticas francesas nas lexislativas de xullo, nas que esa formación de dereitas logrou 47 deputados do total de 577 da Asemblea Nacional.

É un primeiro ministro "que non ten nada que ver co resultado das eleccións", argumentou o fundador de LFI nunha comparecencia en vídeo minutos despois do anuncio, e aseverou que non cree nin por un momento que Barnier vaia atopar unha maioría na Asemblea Nacional que apoie "tal negación da democracia".

A extrema dereita agardará a que Barnier presente o seu programa para decidir o voto

A líder da extrema dereita francesa, Marine Le Pen, sinalou este xoves que van esperar a que o novo primeiro ministro, o conservador Michel Barnier, presente o seu programa político ante o Parlamento para decidir se censuran o Goberno que vai formar.

Nunha primeira reacción tras o nomeamento de Barnier polo presidente, Emmanuel Macron, Le Pen dixo que "esperaremos o discurso de política xeral" que pronuncie ante a Asemblea Xeral.

Sobre todo, en declaracións á canle LCI, lembrou as condicións que puxera o seu partido, a Agrupación Nacional (RN) para non votar con carácter inmediato a censura do novo xefe do Goberno.

Iso pasa, en primeiro lugar, polo feito de que "hai que respectar os nosos electores" e o primeiro ministro debe implicarse nunha reforma electoral para cambiar o sistema maioritario actual por un proporcional".

A xustificación que deu é que "non se pode contemplar non ter conta do que pasou", en alusión aos resultados saídos das eleccións lexislativas do 30 de xuño e o 7 de xullo que Macron convocou de forma anticipada.

Neses comicios, o RN e os seus aliados terminaron como terceira forza na Asemblea Nacional con 142 deputados (dun total de 577), por detrás da coalición de esquerdas (193) e do bloque macronista (166), a pesar de que foron con diferenza os máis votados, co 37% dos sufraxios.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade