Luis Tosar e Rigoberta Bandini presentarán a gala dos Goya
O actor lugués asegura que lle fai moita ilusión presentar a gala e avanza que haberá "moito catalán, moito galego, moito éuscaro e moito castelán. Haberá moito de todo"
A 40 edición dos premios celebrarase o 28 de febreiro en Barcelona
Europa Press/Carlos Lujan
Luis Tosar e Rigoberta Bandini serán os presentadores da 40 edición dos Premios Goya, que se celebrarán o 28 de febreiro de 2026 en Barcelona.
Anunciouno este martes o presidente da Academia de Cinema, Fernando Méndez Leite.
Segundo Tosar, será unha gala en que se representarán de maneira ampla e extensa "todas as diversidades culturais de España". "Haberá moito catalán, moito galego, moito éuscaro e moito castelán. Haberá moito de todo", destacou.
O actor recoñece que lle fai "especial" ilusión presentar a gala, e confesa: "Houbo intentos de achegamento outros anos e non fora posible. Faime ilusión facelo con esta directiva", indicou.
Dous presentadores con varios Goya debaixo do brazo
Ambos os presentadores foron galardoados co Goya. No caso de Luis Tosar, ata en tres ocasións, por 'Celda 211', 'Te doy mis ojos' e 'Los lunes al sol'.
Pola súa banda, Rigoberta Bandini logrou o cabezón a Mellor Canción Orixinal 2024, polo seu tema 'Solo quiero amor', para a película 'Te estoy amando locamente', de Alejandro Marín.
"Estou moi emocionada, sinto moita responsabilidade. Quero que sexa unha gala incrible", afirmou a cantante catalá, que confesou que lle apetece que sexa na súa cidade. "Teño moitas ganas de facer este camiño", agregou.
Esta é a edición número 40 dos premios cinematográficos, que desde 2019 se celebran cada ano nunha cidade distinta de Madrid.
Sevilla, Málaga, Valencia, Valladolid ou Granada foron algunhas das cidades escollidas con anterioridade.
En 2026 viaxarán a Barcelona, unha cidade que xa albergou a festa do cine español nunha gala conducida por Antonia San Juan.