Publicador de contidos

Publicador de contidos

Luis Quintero: "Os soños cúmprense"

Luis Quintero: "Os soños cúmprense"

O colombiano convértese na terceira incorporación do Deportivo do mes de xaneiro

Foto @RCDeportivo Foto @RCDeportivo
G24.gal 31/01/2024 11:53 Última actualización 31/01/2024 11:59

Houbo que esperar á recta final do mercado, pero o Deportivo pisa o acelerador para reforzarse para a segunda volta. Tras a fichaxe de Raúl Alcaina, o conxunto branco e azul fixo oficial a chegada do colombiano Luis Quintero, que achegará o seu talento ao costado destro do ataque en calidade de cedido procedente do Vilarreal con opción de compra.

O novo futbolista de 19 anos xogou o primeiro tramo da presente tempada a préstamo na Sociedade Deportiva Amorebieta de Segunda División. Formado na canteira do club groguet, Quintero vivía este curso a súa primeira experiencia no fútbol profesional da man do club vasco.

Aínda que non tivo unha participación moi destacada (unicamente dúas titularidades), si gozou de minutos como xogador de rotación nun total de 18 encontros ligueiros. Agora chegará á Coruña para completar unha posición na que vén destacando nos últimos partidos un David Mella que crece a pasos axigantados.

O propio Quintero adiantábase ao anuncio oficial cunha mensaxe na súa conta da rede social X (antes coñecida como Twitter) que deixaba ás claras a súa ilusión por vestir as cores do Deportivo: "Os soños cúmprense".

A súa vinculación coa cidade da Coruña, na que residen algúns dos seus familiares, non deixa de ser unha motivación para unha nova promesa que busca o contexto apropiado para dar un paso importante na súa carreira. Desta forma convértese na terceira incorporación do mes de xaneiro tras as contratacións para a portería e a dianteira, aínda que todo indica que non será a última á espera do que suceda no lateral esquerdo.

Esta mañá adestrarase xa en Abegondo cos seus novos compañeiros e mañá xoves será presentado ante os medios de comunicación na Cidade Deportiva.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade