Luís Casimiro levanta a moral do Breogán cun triunfo en Gran Canaria
Luís Casimiro levanta a moral do Breogán cun triunfo en Gran Canaria
O equipo breoganista impúxose por 73-82 grazas a un gran último cuarto (13-23)
A estrea de Luís Casimiro foi inmellorable. O Breogán gañou na pista do Gran Canaria por 73-82 nun partido moi completo que decidiu no derradeiro cuarto cun parcial de 13-23.
Comezou serio o cadro breoganista cun Atic inspirado (8 puntos no primeiro cuarto) para poñer un 10-15. O encontro igualouse ao final dese tempo inicial (19-21) e mantívose nesa tónica ata o descanso. O Gran Canaria tivo a primeira vantaxe cun 29-27 e ao descanso mantíñanse eses dous puntos a prol do equipo local (41-39).
No terceiro cuarto o equipo local chegou a ter unha máxima de catro puntos (53-49) pero quedaba claro que todo se ía decidir nun último cuarto no que se entrou cun 60-59. No intre decisivo funcionou a defensa do Breogán e en ataque houbo achega de moitos xogadores, liderados por Charlie Moore que volveu a asinar os mellores números do equipo con 19 puntos. Unha canastra de Nakic puxo seis de diferenza (70-76) que o Gran canaria foi incapaz de remontar.