Lugo celebra hoxe o día grande das festas patronais, o San Froilán
Máis de 200 actos programados
As festas rematarán o 12 de outubro
As casetas do polbo estarán abertas todo o mes
Lugo honra hoxe o seu patrón, San Froilán. As festas máis importantes no outono galego comezaron oficialmente onte, aínda que as atraccións e as casetas do polbo levan abertas dende o sábado pasado. Por diante quedan días de festa, cunha programación chea de actos para todos os gustos dunhas festas xa por fin este ano, sen restricións.
"Tiñamos moitas ganas dun San Froilán máis normaliño". "Temos que esquecer eses dous anos".
Regresan este ano tradicións coma o desfile de gando polas rúas do centro da cidade, orixe mesma do San Froilán, que naceu como feira agrícola e gandeira. E volve tamén o desfile do traxe tradicional, do que esta edición se cumpren 50 anos.
"Eu xa teño o programa na man". "Non queremos perder nada e gozar do San Froilán, que é do que se trata". "Todo moi animado e moita xente".
O feiral recobra o seu esplendor, con todas as atraccións e postos de venda no feiral xa sen condicionamentos pola pandemia. "Estivemos dous anos na casiña e xa tardaba vir de festa".
Un programa de festas denso, con actuacións e actividades para todos os gustos. E as casetas do polbo, un referente das festas, que estarán abertas todo o mes de outubro. "Ao polbo algún día iremos, malo será que se acabe". "Eu xa teño a mesa reservada".
O San Froilán é cita obrigada para moitos ao chegar outubro. "Preséntase de luxo". "Imos dar un paseo e picar algunha cousiña. Moi ben". "É unha festa que non se pode perder".
Unhas festas que, ademais, este ano, semellan bendicidas polo tempo solleiro e as temperaturas agradables. "Eu non lembro un tempo tan bo coma este".
As festas patronais de Lugo do 2022 arrincaron a pasada tarde co pregón na casa do concello. Por diante quedan oito días para gozar de todo o que nos ofrece este San Froilán.