Publicador de contidos
Publicador de contidos

A DINA deixa 89 desaparecidos, segundo o primeiro reconto oficial

A DINA deixa 89 desaparecidos, segundo o primeiro reconto oficial

Localizan tres cadáveres na Albufeira de Valencia

A Policía Nacional confirma que non hai vítimas no aparcadoiro do centro comercial Bonaire

G24.gal 05/11/2024 20:43 Última actualización 05/11/2024 21:14

As oficinas ante mortem habilitadas pola Policía Nacional e a Garda Civil en colaboración con médicos forenses contabilizaban ás 20 horas deste martes 89 casos de desaparecidos activos pola DINA, segundo as cifras do Centro de Integración de Datos (CID).

Eses casos activos corresponden exclusivamente ás denuncias en que os familiares achegaron diferentes datos e mostras biolóxicas que permitan a identificación posterior dos seus familiares, informou o Tribunal Superior de Xustiza da Comunidade Valenciana.

O CID indica que é importante facer constar que as denuncias de desaparecidos con expediente activo nas oficinas ante mortem non equivalen ao número total de desaparecidos que podería xerar a traxedia, pois pode haber casos de desaparición que non se denunciaron aínda.

Localizan tres cadáveres na Albufeira

A procura dos desaparecidos segue sendo unha prioridade unha semana despois da traxedia. Nas últimas horas vimos como a Garda Civil peiteaba a zona de Torrent na busca de dous irmáns de 3 e 5 anos. E como zapadores do exército percorrían un barranco coa axuda de drons.

A tecnoloxía tamén axuda a localizar cadáveres que puideron chegar ao mar arrastrados pola riada. Pero seguindo o que foi o seu recorrido hai que escudriñar tamén os milleiros de metros cadrados da Albufeira de Valencia.

"Toda a auga que chegou aquí vai desembocar ao mar.  Por iso a medida que pasan os días hai máis posibilidades de que atopemos persoas desaparecidas pola zona", explica un responsable dos mergulladores da Garda Civil.

E a busca deu froitos, a primeira hora da tarde deste martes localizaban tres cadáveres no parque natural. Os efectivos das tarefas de busca contan coa colaboración dos que mellor coñecen a zona, os pescadores e os que fan rutas turísticas en lancha pola Albufeira.

"Hai moitas canas, moita lama, atopamos un coche xusto onde acaba o barranco e se entra na Albufeira", conta un dos colaboradores nestes traballos.

Onde xa está confirmado que non hai vítimas é no aparcadoiro do centro comercial Bonaire.

Pero nas localidades arrasadas tras o paso da DINA proseguen tamén as tarefas de limpeza. Os profesionais, o traballo pesado e os voluntarios co que poden.

"Imos por aí preguntando e onde fai falla entramos e poñémonos a sacar mobles, lama, o que precisen", conta en Alfafar un rapaz.

Tras a limpeza das casas traballan arreo tamén nos comercios. Máis de 4.500 viron afectada a súa actividade. Atopamos un exemplo, nunha  rúa de Benetússer.

"Aquí non queda absolutamente ningún negocio activo. Fisicamente desaparecemos todos", conta Ximo Alcañiz, o xerente dun dos comercios.

As tarefas de limpeza avanzan e tamén a retirada de entullos, coches e chatarra. En cada concello habilitáronse zonas para acumulalos ata que se lles busque unha saída. Á vista de drons vense cemiterios de vehículos enlamados e montículos xigantes de obxectos estragados.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade