Liberan de dentro do seu coche unha condutora ferida nunha colisión en Oleiros
A vítima sofre feridas de gravidade e foi trasladada a un centro hospitalario
Os servizos de emerxencias liberaron a unha condutora en Oleiros, informa o 112. O vehículo que conducía unha muller duns 40 anos e veciña de Culleredo saíu da vía, levou por diante un sinal de tráfico, impactou cun farol e quedou enriba da base de formigón onde estaba o cadro eléctrico da iluminación pública.
O sinistro produciuse a medianoite, cando un particular alertou de que vira o choque e parecíalle que a única implicada sufrira feridas de gravidade.
Particulares tentaron sacala ao exterior de vehículo, pero non foron capaces, polo que foi evacuada polos servizos de emerxencias e trasladada a un centro hospitalario.
Tamén acudiron ao lugar do accidente operarios municipais e de Fenosa para cortar a subministración e evitar riscos, porque o coche esnaquizou o cadro eléctrico da iluminación pública.