Liberadas 162 mulleres, e 37 detidos por explotalas sexualmente en burdeis camuflados
A banda tiña locais repartidos por toda España que simulaban ser centros de masaxe
As mulleres durmían amoreadas e só podía saír dúas horas ao día
Nove dos arrestados foron xa encarcerados

A Garda Civil, a Policía Nacional e Vixilancia Aduaneira liberaron 162 mulleres de orixe suramericana vítimas dunha organización criminal que, presuntamente, as explotaba sexualmente en inmobles que adquiría e convertía en prostíbulos camuflados como locais de masaxes.
Durante a operación conxunta foron detidas 37 persoas: 22 na provincia de Valencia, 4 en Málaga, 4 en Murcia, 4 en Castelló e 3 en Alacante. Nove ingresaron en prisión provisional.
Durmían amoreadas e só podían saír dúas horas ao día
A armazón criminal dedicábase á captación de mulleres, tanto en España como en países de Suramérica, que se atopaban, na maioría dos casos, en situación de vulnerabilidade e carentes de permiso de residencia e traballo.
Obrigábanas a exercer a prostitución en locais repartidos pola xeografía española. A organización adquiría ou alugaba inmobles directamente ou a través de sociedades mercantís establecidas para o efecto, que reformaban e nos cales as mulleres exercían.
Eran principalmente vivendas unifamiliares ou locais comerciais nos que as vítimas durmían amoreadas en liteiras ou directamente na mesma cama onde atendían aos clientes. Estes locais permanecían pechados e presentaban en moitas ocasións mala ventilación e condicións de habitabilidade lamentables.
As mulleres só podían saír dúas horas ao día en horario de mañá e debían estar dispoñibles permanentemente. Os principais investigados controlaban en tempo real os locais e as vítimas a través dun sistema de vídeo vixilancia instalado no interior de todos os inmobles dedicados á prostitución.
Cada un dos inmobles contaba con encargadas as 24 horas do día, responsables de controlar as mulleres, cobrar aos clientes e facilitarlles substancias estupefacientes.
O cincuenta por cento de cada servizo era para a organización e a outra metade para as mulleres, aínda que estas podían ser multadas por distintos motivos.
Quen era quen na organización
A investigación policial iniciouse por mor da denuncia de tres vítimas, que declararon ser explotadas sexualmente por varios individuos en diferentes localidades españolas.
As pescudas permitiron constatar que a rede criminal estaba estruturada en tres niveis: o primeiro deles, formado polos líderes, con vínculos familiares e sentimentais entre eles, que eran propietarios ou arrendatarios dos inmobles e os que obtiñan os maiores beneficios económicos; o segundo nivel estaba composto por persoas de confianza encargadas da supervisión dos locais, recadación de beneficios e coordinación de encargadas, e por último estaban as encargadas que vixiaban as vítimas, condutores, reformistas dos locais e distribuidores de estupefacientes.