Publicador de contidos

Publicador de contidos

Leonardo deixa máis de 60 litros acumulados en varias vilas e vento de 100 km/h

Leonardo deixa máis de 60 litros acumulados en varias vilas e vento de 100 km/h

A Xunta asegura ter “todo activado” para actuar ante posibles incidencias, e mantén 14 ríos baixo vixilancia

Cortada por cuarto día a autovía Pontevedra-Marín pola preamar e a chuvia

directo Rio Verdugo ao seu paso por Ponte Caldelas (EFE/Salvador Sas). Imaxe directo: camara web CSAG Fisterra
G24.gal 05/02/2026 11:37 Última actualización 05/02/2026 13:37

A borrasca Leonardo deixa este xoves máis de 50 litros de auga acumulada pola choiva en varias localidades do país, así como ventos que superaron os 100 quilómetros por hora.

Na mañá deste xoves no municipio pontevedrés de Forcarei xa se superaron os 67 litros de auga acumulada; mentres que en Entrimo alcanzábanse os 60 litros por metro cadrado.

En canto ao vento, na estación do Xistral, en Muras, o refacho máximo foi de 118 km/h, e na da Gándara, en Vimianzo,  foi de 107, uns valores similares aos 100,8 quilómetros por hora de Burela.

En Ourense, a rotura dunha tubaxe provocou unha importante inundación. Ocorreu no barrio da Ponte, cando uns operarios traballaban na reparación dunha fochanca na ría Quintián e rebentaron unha tubaxe. A auga comezou a correr como unha fervenza sobre a rúa Río Arnoia.

En Vigo, o Concello anunciou o peche de catro parques (Castrelos, O Castro, A Riouxa, e Samil) e o paseo do Lagares. Ademais recomenda evitar os paseos no Vao e Samil. Tampouco se permite o acceso aos cemiterios municipais.

Todo iso nunha xornada para a que a Xunta activou a alerta laranxa por choivas no interior da provincia de Pontevedra e tamén por temporal costeiro no litoral da Coruña e de Pontevedra, un aviso que se estenderá no mediodía á Mariña lucense.

A Xunta ten “todo activado” para actuar ante posibles incidencias

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, asegurou este xoves que o seu Goberno ten “todo activado” para actuar ante calquera emerxencia que poida suceder por mor do temporal que obrigou a suspender conexións ferroviarias e aéreas en Galicia.

Por iso, Rueda fixo un chamamento á "precaución" e a non achegarse a ríos ou zonas de costa cando hai avisos de temporal.

Respecto á decisión de Renfe de suspender desde primeira hora da mañá varios trens con orixe e destino en Vigo por mor das "condicións meteorolóxicas adversas”, o presidente galego dixo que non recibiu unha “comunicación directa” por parte do ministerio.

14 ríos baixo vixilancia polo risco de inundacións

A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior mantén activo o Plan Especial ante o risco de inundacións en Galicia (Inungal) en fase de preemerxencia desde o pasado 20 de xaneiro, con 14 ríos baixo vixilancia, nas provincias da Coruña, Pontevedra e Ourense polo risco de inundacións,

Actualmente atópanse nesta situación, na provincia da Coruña, o Mandeo, ao seu paso por Coirós; o Mero, en Cambre; o Sar, en Ames; o Barcés, en Abegondo; o Valiñas, en Culleredo, e o Tambre, en Oroso e Trazo.

En Pontevedra vixíanse o Maceiras, en Redondela; o Lérez, ao seu paso pola capital; o Miñor, en Gondomar, e o Miño, en Salvaterra de Miño.

Na provincia de Ourense son o Miño, ao seu paso pola Peroxa, por Ribadavia e por Ourense; o Avia, en Ribadavia; o Arnoia, en Baños de Molgas; o Limia, en Bande, e o Támega, en Castrelo do Val e Oímbra.

A Axencia Galega de Emerxencias recomenda manter a precaución nestas contornas porque poden producirse "desbordamentos puntuais".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade