A RFEF define as datas de inicio de todas as competicións para a 25-26
No tocante á Copa do Rei destacan a disputa da rolda previa a dous partidos e a presenza de criterios xeográficos nas dúas primeiras eliminatorias
Tamén se anunciaron variacións que afectan á Copa Federación e ao fútbol feminino

A Real Federación Española de Fútbol deu a coñecer na Asemblea Xeral as melloras que se levarán a cabo na vindeira temporada 2025-2026 e tamén as datas nas que comezarán as principais competicións.
A Primeira e a Segunda División principiarán na fin de semana do 16-17 de agosto. Quince días despois comezará a Primeira RFEF e na primeira semana de setembro dará inicio a Segunda e a Terceira RFEF. A Primeira prolongarase ata o 24 de maio. Case un mes máis durarán o resto de categorías por mor dos play off de ascenso.
A Copa do Rei empezará o 27 de setembro e a final xogarase o 25 de abril. Entre o 7 e o 11 de xaneiro veremos unha nova edición da Supercopa. Non depende da RFEF pero tamén se fixo eco do comezo das competicións europeas. A data na que nos fixamos é a do 24-25 de setembro, primeira xornada da fase de grupos da Europa League na que vai estar o Celta.
Tamén tratou a RFEF a introdución de criterios de proximidade xeográfica no sorteo da primeira e segunda eliminatoria da Copa do Rei, que se seguirán xogando a partido único. Ademais, a eliminatoria previa, que se disputa unicamente entre equipos de categorías territoriais, pasará a xogarse a ida e volta na fin de semana.
A Copa Federación pasa de ter un único sorteo na súa fase nacional a celebrar un sorteo por eliminatoria e a final será fixada na fin de semana. Finalmente, polo que respecta ao fútbol feminino, amplíanse a categoría de Segunda Federación de dous a tres grupos, xunto á Terceira Federación, que pasa de seis a dezaoito. Ademais, a Copa da Raíña disporá dunha reagrupación dos seus clubs participantes acorde á temporada vixente.