Publicador de contidos

Publicador de contidos

Kim Jong-un chega a Rusia para reunirse con Vladimir Putin

Kim Jong-un chega a Rusia para reunirse con Vladimir Putin

Agárdase que os dous dirixentes aborden un intercambio de armamento e tecnoloxía militar

Occidente que vixía de preto a reunión, redobra as advertencias

O Kremlim non desvela a data exacta do encontro

O líder norcoreano foi recibido con honras na fronteira rusa de Oriente
G24.gal 12/09/2023 17:07

O líder norcoreano, Kim Jong-un, chegou este luns ao Oriente ruso para reunirse nos "próximos días" co presidente ruso, Vladímir Putin, con quen se espera que aborde un intercambio de armamento e tecnoloxía militar a pesar das claras advertencias de Occidente e Asia, que vixían de preto o encontro.

O tren de Kim, acompañado por unha nutrida delegación que inclúe aos ministros de Defensa e de Exteriores, así como altos cargos militares, entre eles o director do Departamento Industrial de Munición, cruzou a fronteira rusa pouco antes do amencer. Na estación de Jasán, Kim foi recibido con alfombra vermella e unha garda de honra integrada por efectivos das tres ramas das Forzas Armadas de Rusia e unha orquestra militar.

 Descoñécese a data da reunión

Na súa primeira saída ao exterior en máis de catro anos e a primeira desde a pandemia da covid-19, a viaxe de Kim está envolta nun gran secreto. O Kremlin rexeita revelar o día e a hora en que se producirá a reunión entre Putin e Kim, aínda que se cre que pode ser o mércores.

O portavoz de Putin, Dmitri Peskov, unicamente dixo que será "nos próximos días". Ata o momento sábese que Putin organizará un xantar en honra ao líder norcoreano, haberá unha reunión coas delegacións de ambos os países e un "cara a cara" entre o xefe do Kremlin e o seu homólogo.

"Temas sensibles"

Na axenda figurarán as relacións e a cooperación bilateral, os vínculos comerciais e económicos, os intercambios culturais, asuntos internacionais e rexionais, e "temas sensibles". Esta última mención de Peskov é interpretado como unha confirmación de que os dous líderes falarán dunha acordo de subministración de armas por parte de Corea do Norte a Rusia, inmersa desde hai 566 días na guerra que lanzou en Ucraína. 

 "Por suposto, ao ser veciños, os nosos países tamén cooperan en áreas sensibles, que non deberían ser obxecto de ningunha divulgación ou anuncio público", sinalou o portavoz.

Putin e o seu ministro de Defensa, Serguéi Shoigú, ordenaron á industria de defensa do país que duplique a produción de armas, pero segundo a intelixencia occidental e ucraína non consegue producir coa mesma rapidez mísiles que coa que os gasta en Ucraína. 

Advertencias da comunidade internacional

A comunidade internacional, desde os Estados Unidos a Asia, e Ucraína vixían de preto o desenvolvemento do cumio.

O portavoz do Departamento de Estado de EEUU, Matthew Miller, lembrou a ambos países "que calquera transferencia de armas de Corea do Norte a Rusia violaría múltiples resolucións do Consello de Seguridade da ONU". "Non dubidaremos en impoñer novas sancións se corresponde", recalcou, e sostivo que o feito de que Rusia "teña que rogarlle a Corea do Norte apoio militar" fala da efectividade das sancións e controis á exportación.

"Para nós son importantes os intereses dos nosos dous países e non as advertencias de Washington", replicou Peskov. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade