Juventus, Marsella e Celtic, principais rivais do Celta na Europa League
Tamén xogará ante o Union SG, Bournemouth, Omonia, Lillestrom e H. Beer Sheva
A pasada tempada chegou ata os cuartos de final, caendo elimiado polo Friburgo
A Juventus, o Marsella e o Celtic, serán os principais rivais do Celta na Europa League. Tamén xogará ante o Union SG, Bournemouth, Omonia, Lillestrom e H. Beer Sheva de Israel.
O cadro vigués recibirá en Balaídos a Juventus, Union St.-Gilloise, Bournemouth e Lillestrom, e visitará ao Marsella, Celtic, Omonia e Hapoel Beer-Sheva. O calendario coñecerase como moi tarde o domingo
O Celta volveu a Europa a pasada tempada pola porta grande e converteu o seu regreso continental nunha aventura que rematou nos cuartos de final da Europa League. O equipo de Claudio Giráldez superou unha esixente fase de liga e, xa nas eliminatorias, tivo que deixar atrás o PAOK, despois de gañar 1-2 en Salónica e 1-0 en Balaídos.
Nos oitavos chegou un dos grandes momentos da tempada europea. O Celta eliminou o Olympique de Lyon tras empatar 1-1 en Vigo e protagonizar unha magnífica actuación en Francia, onde venceu 0-2 e selou o pase aos cuartos.
O soño rematou ante o Friburgo. O conxunto alemán foi moi superior na ida e impúxose 3-0, deixando o Celta ao bordo do abismo. En Balaídos tampouco chegou a remontada: o Friburgo volveu gañar, esta vez 1-3, para pechar a eliminatoria cun contundente 6-1 global.
O Celta despediuse así de Europa entre a decepción polo desenlace e o orgullo por unha campaña que devolveu o club ás grandes noites continentais. Os cuartos de final foron o teito dunha aventura que, máis alá do resultado final, volveu colocar o Celta entre os protagonistas da Europa League.