Julia Feijoo, a costureira de Celanova
Julia representa unha xeración de costureiras que fixeron do oficio un modo de vida
Antes da produción en serie, houbo mans. Mans como as de Julia, que pasou toda a vida cosendo, primeiro na Bola e logo en Celanova.
Durante décadas, a costura foi moito máis ca un traballo. Foi o sustento e liberdade para milleiros de mulleres.
"Cando eu empecei non había nada, había que facer todo. As camisas dos homes, os calzoncillos...pero iso facíao todo miña nai", di Julia.
Julia Feijoo converteu o seu traballo na súa vida e no seu maior sacrificio.
Julia recorda que "de día, entrando xente, era como entrar nun café. Tomáballe medidas a xente, e de noite, cosía ata non dar máis."
As clientas chegaban coas teas e cunha pequena idea, ás veces só cunha foto dunha revista, e ela confeccionaba. Cosía de todo, ata vestidos de noiva, o primeiro, o dela.
"Dixen, eu vou de blanco. E fíxeno. E fíxeno de noite para que nadie mo vira. Nadie sabía que ía saír así." Así presume Julia do seu vestido de noiva.
Con máis de 80 anos, Julia xa non cose, pero cada prenda leva a súa historia. Algunha pode presumir de conservar un Julia Feijoo.