Publicador de contidos
Publicador de contidos

Juan Vieites: "Hai que seguir traballando estreitamente co novo Goberno de Rueda"

Juan Vieites: "Hai que seguir traballando estreitamente co novo Goberno de Rueda"

O presidente da patronal galega agarda que co novo goberno da Xunta se poida seguir medrando como comunidade autónoma

Tacha de "ocorrencias" e "intervencionismo" a política en materia laboral da vicepresidenta Yolanda Díaz

G24.gal 14/04/2024 11:29 Última actualización 14/04/2024 12:40

O presidente da Confederación de Empresarios de Galicia -CEG-, Juan Manuel Vieites, pídelle ao novo goberno da Xunta que configure Alfonso Rueda seguir traballando "estreitamente" con empresariado para poder "seguir medrando coma comunidade autónoma" tanto en materia económica coma social e "construír un país e unha sociedade mellor". 

Así  mesmo, nunha entrevista no Galicia por diante fin de semana da Radio Galega, e a só unhas horas de que o presidente da Xunta dea a coñecer a estrutura e composición do seu executivo, Vieites tamén apostaba por que o Goberno galego "lle reclame ao Estado o cumprimento dos seus compromisos" e tamén manteña unha actitude de diálogo e de entendemento co Goberno de España. 

"Hai que traballar a nivel autonómico para que o desenvolvemento da nosa actividade, sen turbulencias, coa propia Xunta de Galicia. Penso que un goberno estable favorece sempre esta situación, ademais un goberno que cre na Constitución, firme, como é un goberno do presidente Rueda. Nós pedímoslle que reclame ao Estado o cumprimento dos seus compromisos en diversa materias, por exemplo infraestruturas. É necesario dialogar, negociar e entenderse co Goberno de España". 

O presidente da patronal galega tamén avaliou como "moi axeitado" o pacto a dez anos pola industria e a enerxía ofrecido polo presidente Rueda durante o seu discurso de investidura. 

Nova suba do SMI

O presidente da patronal galega amosouse moi crítico coa vicepresidenta segunda do Goberno e ministra de Traballo, Yolanda Díaz, a quen lle recriminou "intervencionismo", do que Vieites admitiu que "non nos gusta nada". O presidente da CEG aponlle a Díaz a súa intención de revalorizar o Salario Mínimo Interprofesional de novo, haxa ou non acordo cos axentes sociais.

Vieites di que están preocupados ante o que agoira coma nova "confrontación co mundo empresarial" por parte de Díaz e tacha de "ocorrencias" as ideas da vicepresidenta do Goberno e atribúelle estar baseadas en política e non en criterios socioeconómicos.

"Isto non hai que tratalo dunha maneira política senón dunha maneira socieconómica axeitada. Iso é o que a vicepresidenta non está moi acostumada a facer. Totalmente en contra de como levan as cousas agora e como se están a facer. Un intervencionismo total por parte do Goberno". 

Altri, Alcoa e parques eólicos 

O presidente da patronal galega tamén abordou na entrevista os temas que copan a actualidade industrial de Galicia. Un é o proxecto de Altri en Palas, rodeado de controversia; outro é o futuro da factoría de Alcoa en San Cibrao, cun proceso de venda aberto; e un terceiro é a paralización xudicial por parte do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia de ata case unha trintena de parques eólicos. 

Respecto a Altri, Vieites defende o proxecto, considera que "ten que levarse adiante" se cumpre cos requisitos legais vixentes pero opina que "se está a comunicar non axeitadamente para o que a xente quere oír do propio proxecto e iso hai que corrixilo". 

Sobre o futuro de Alcoa na Mariña, Vieites amósase cauto e  fala de "complexidade da situación". A continuación engade que "se se fala con actores importantes, San Cibrao se podería utilizar para calquera outra actividade empresarial que dese actividade socieconómica na zona", pero para iso xulga preciso "ter todas as administracións de acordo". 

Por último, respecto ao bloqueo xudicial por parte do TSXG dalgúns parques eólicos, vinte e sete ata a data, Vieites fala de "graves implicacións a nivel empresarial" e alerta de que unha "paralización prolongada pode diminuír a competitividade de Galicia no sector das renovables". 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade