Publicador de contidos

Publicador de contidos

Vieites: "Hai unha revisión xudicial sistemática dos proxectos eólicos en Galicia"

Vieites: "Hai unha revisión xudicial sistemática dos proxectos eólicos en Galicia"

O presidente da CEG pide superar os atascos na eólica terrestre e mariña para evitar perdas millonarias

G24.gal 24/12/2023 09:45 Última actualización 24/12/2023 10:24

O presidente da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), Juan Manuel Vieites, denuncia, nunha entrevista nos informativos da  fin de semana da Radio Galega, unha "revisión xudicial sistemática na eólica terrestre e mariña". Segundo Vieites, isto prexudica a todo o sector industrial e ocasiona perdas millonarias.

O presidente dos empresarios galegos reclama "avanzar e superar os atascos nos proxectos eólicos" tras a sentenza do Tribunal Supremo que abre a porta a reactivar os parques suspendidos polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Juan Manuel Vieites reclama unha "xestión amigable que  busque a produtividade e non a ideoloxía".

"O diálogo social é fundamental"

Na entrevista dos domingos da Radio Galega, o presidente da patronal galega reivindicou o diálogo social que cualificou de "fundamental" en relación coa próxima  suba do Salario Mínimo Interprofesional. Segundo Juan Manuel Vieites, se o Goberno decide un incremento de forma unilateral "rachará o equilibrio e xerará indefensión".

Vieites lembrou que a CEOE (Confederación Española de Organizacións Empresariais) propón unha suba dun 3 % e a Administración dun 4 %. Un incremento que, segundo denunciou, o Goberno non quere  aplicar aos contratos públicos.

O presidente da patronal galega denuncia que o Executivo quere impoñer unha suba para as empresas e outra para a Administración. Con todo, o presidente dos empresarios cre que "sempre se pode chegar a un acordo". Engadiu que dende a CEOE "van poñer toda a carne  no asador para defender ás empresas".

Eleccións autonómicas 

O presidente da patronal galega afirma que "é fundamemtal que exista un goberno estable". Vieites agarda que das eleccións autonómicas do 18 de febreiro saia "un goberno aberto ao diálogo permanente" e que aposte pola colaboración público-privada e por un marco fiscal competitivo para as empresas.

Balance de 2023

Tamen fixo balance deste 2023. Segundo Juan Manuel Vieites, o ano que está a punto de concluír estivo dominado pola incerteza, coa inflación e os tipos de xuro en niveis altos e cun arrefriamento da recuperación. Pola contra, o turismo e o consumo doméstico comportáronse ben.

Entre os principais inconvenientes están, ao seu entender, a falta de man de obra e o absentismo laboral que en Galicia está no 7,1, un punto por riba da media española.

Como retos inmediatos Vieites cita a electrificación da economía, o hidroduto entre Guitiriz e Zamora  e o corredor atlántico de mercadorías. Tamén a diversificación e a ampliación dos países ós que Galicia exporta os seus produtos industriais.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade