Juan Gestal: "O aumento doutros virus indica que a pandemia está rematando"
Fai unha chamada á vacinación da poboación infantil porque é a transmisora principal
O aumento dos virus respiratorio sincitial e da gripe indica que a pandemia está remitindo. Segundo Juan Gestal, catedrático emérito de Medicina Preventiva e Saúde Pública, este outono xa se pode constatar que a covid-19 está diminuíndo e que a situación comeza a normalizarse.
Nunha entrevista no informativo Bos Días da TVG, explica que os virus pandémicos non deixan circular outros virus, por iso nestes anos houbo menos gripes e infeccións respiratorias. Agora, co coronavirus debilitado, agroman favorecidos pola volta á vida nos interiores.
Gestal asegura que o uso da máscara durante a pandemia non influíu neste abrocho que está a saturar as urxencias e os hospitais. Lembra que é propio da estación do outono-inverno e insiste en salientar que é unha boa nova porque indica que a situación se está a normalizar.
O catedrático fai un chamamento ás familias para vacinar a poboación infantil, transmisora principal destes virus. Ademais, salienta que o pico do virus sincitial respiratorio aínda está por chegar, logo ten que baixar e, despois, chegará a onda da gripe.