Juan Gestal: "É dificil que haxa risco de repunta sen novas variantes"
O excatedrático de Medicina Preventiva descarta unha nova vaga a curto prazo
Aconsella usar a máscara en espazos interiores concorridos e "mal ventilados"
O excatedrático de Medicina Preventiva, Juan Gestal, non ve probable que aparezan novas vagas de coronavirus derivada da retirada das máscaras en interiores. Asegura que unha nova vaga só pode aparecer con novas variantes. Un escenario que, de momento, descarta.
"Creo que unha repunta importante só se producirá no caso de que apareza unha nova variante o cal parece que sexa difícil, despois dunha con tanta transmisibilidade", asegura.
Juan Gestal fai un chamamento ao sentido común ante a retirada de máscaras en interiores e advirte de que en espazos con aglomeracións e mal ventilados, debería seguir usándose.
Sobre a posible aplicación dunha cuarta dose a maiores de 80 anos, agora en estudo por parte das autoridades sanitarias españolas, Gestal ve posible que se acabe estendendo á poboación xeral. Defende as doses de reforzo anuais a persoas vulnerables, como xa se fai con outras vacinas.
"O que se pretende é manter os niveis de anticorpos neutralizantes do sangue elevados, que co tempo van diminuíndo como sucede con calquera outra vacina".