Aubameyang marca o primeiro do Dépor de primeira no empate co Elx (1-1)
Leo Román e Aubameyang, os máis destacados no Dépor
A bancada de Marathón inferior, tinguida de laranxa
Volvía o Deportivo da Coruña a primeira división 3011 días despois e sumou xa o primeiro punto ante un Elx que por momentos ameazaba con deixar ao Dépor sen nada.
Comezaron os levantinos con máis perigo. Xa no minuto 8 tiveron a primeira. Xogada dentro da área e piden penalti os xogadores do Elx, aínda que acaban sacando un córner e obrigando a Leo Román a facer a primeira parada do partido. Estaban cómodos os visitantes, dominando a posesión, cando chegou o morcego, Aubameyang, implacable na área. Controla un balón no 21 enviado desde o medio do campo por Amatucci e dispara coa zurda un balón cruzado que Dituro non pode coller. O dianteiro gabonés foi o mellor do Dépor nunha primeira parte na que os coruñeses só chegaron con perido na ocasión do gol.
Na segunda metade de novo o Elx saiu máis forte, aínda que tivo Asp Jensen o segundo cun lanzamento que pasou rozando o pau. De case marcar o segundo pasaron os deportivistas a case recibir o primeiro gol, pero de novo Leo Román evitou o empate cunha dobre parada no momento no que peor o pasaba o seu equipo.
O Elx disparou máis a porta e o seu empeño tivo recompensa. No minuto 75 Aguado empatou o partido cun testarazo na área pequena que nin un moi inspirado Román puido parar.
Empata o Dépor no seu regreso a primeira e gozando das súas fichaxes do verán, con Aubameyang, Leo Román e Amatucci como os xogadores máis destacados.
No estadio, máis de 29.000 afeccionados seguiron o partido, cunha bancada de Marathón inferior tinguida de laranxa reivindicando condicións iguais ao resto de Riazor.