Publicador de contidos

Publicador de contidos

Juan Gestal avoga por un dobre control de covid aos viaxeiros procedentes da China

Juan Gestal avoga por un dobre control de covid aos viaxeiros procedentes da China

O profesor emérito de Medicina Preventiva da USC cre que, se non xorden novas variantes do virus nos próximos meses, a OMS anunciará a fin da pandemia antes do verán

G24.gal 03/01/2023 08:43

A partir de hoxe, os viaxeiros que cheguen a España desde A China terán que presentar unha proba negativa ou o certificado de vacinación. O Consello de Colexios Médicos avoga por un dobre control, ao igual que o profesor emérito de Medicina Preventiva da USC Juan Gestal: "Son partidario de que para saír da China tivesen que ter unha PCR negativa e ao chegar aquí lles fixeran un test de antíxenos. E, aos que desen positivo, facerlles a PCR".

Gestal apunta que esa sería tamén unha forma de secuenciar o virus chinés para controlar se xorde unha nova variante, dado que A China, di, ten unha política informativa pouco transparente.

Nunha entrevista na Radio Galega, Gestal atribuíu a onda de infeccións na China a tres factores: a escasa porcentaxe de vacinación, a menor efectividade da súa vacina e a política de illamento que impediu a circulación do virus e a conseguinte inmunización social.

En España, di Gestal, temos un nivel de inmunización alto, polo que non ve necesario que os menores de 60 anos poñan a cuarta dose da vacina, salvo que pertenzan a colectivos vulnerables.

O profesor de Medicina Preventiva cre que estamos ante os últimos momentos da pandemia, sempre que non xorda na China unha nova variante. Se iso non sucede, cre que a OMS anunciará a fin da pandemia "na primavera".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade