Publicador de contidos

Publicador de contidos

Juan Gestal: "A retirada da máscara en interiores é unha medida moi acertada e prudente"

Juan Gestal: "A retirada da máscara en interiores é unha medida moi acertada e prudente"

O catedrático emérito de Medicina Preventiva da USC asegura que eliminar a obriga do uso da máscara en interiores non ten por que supoñer a aparición duhna nova onda de contaxios

Juan Gestal recoñece que nalgúns ambientes, como nos bares e cafeterías, xa se relaxou o uso da máscara desde hai tempo

G24.gal 07/04/2022 10:11

A decisión do Goberno de eliminar a obriga de usar máscaras de protección en interiores despois de Semana Santa é para Juan Gestal unha medida "moi acertada e prudente". O profesor emérito de medicina preventiva da USC constata que os cidadáns están xa cada vez máis tempo sen máscara en locais pechados, como bares ou cafeterías. 

"A retirada da máscara non ten que supoñer a aparición dunha nova onda de contaxios. Haberá que avaliar o efecto que poida ter. Sempre poderá haber un pequeno incremento, pero en conxunto non vai ser de importancia". 

O doutor Gestal lembra que a máscara vai seguir sendo obrigatoria en hospitais, residencias e transporte público. Ademais recoméndase o seu uso cando haxa aglomeracións ou en situacións onde non se poida gardar a distancia de seguridade. 

"Estamos vendo que se está producindo un descenso das incidencias en practicamente todas as Comunidades Autónomas. A presión sobre o sistema sanitario non é importante e está diminuindo a porcentaxe de persoas ingresadas, tanto en planta como na UCI".

Juan Gestal recoñece que aínda non sabemos como vai ser o final da pandemia ou se se van producir novas ondas de contaxios no vindeiro inverno, polo que contempla a posibilidade de que se organicen campañas anuais de vacinación contra a COVID, sobre todo para as persoas máis vulnerables.

"É probable que as persoas de risco, máis ou menos como coa gripe, teñan que vacinarse chegado o outono. O que sería desexable é que as vacinas que se vaian utilizar estean baseadas nas últimas variantes, non na cepa de Wuham. Se ademais puidésemos ter vacinas esterilizantes que cortaran a transmisión do virus, sería ideal". 
 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade