Publicador de contidos
Publicador de contidos

Juan Carlos Santórum négase a declarar no xuízo do Karar pero proclama: "Non cometín ningún delito"

Juan Carlos Santórum négase a declarar no xuízo do Karar pero proclama: "Non cometín ningún delito"

A Fiscalía pide 18 anos de cárcere e unha multa de 438 millóns de euros para o presunto xefe da rede que tentou introducir en Galicia 3,8 toneladas de cocaína a bordo do buque MV Karar

Europa Press Europa Press
G24.gal 23/04/2024 13:39 Última actualización 23/04/2024 16:56

Juan Carlos Santórum, considerado polos investigadores o xefe da rede que tentou introducir en Galicia 3,8 toneladas de cocaína a bordo do buque MV Karar, en abril de 2020, negouse a declarar no xuízo que se segue por estes feitos na sección quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra, con sede en Vigo.

Tras as declaracións dos tripulantes do barco, este martes chegou a quenda de Santórum, que sinalou que coñece os feitos dos que o acusan, pero negou ter relación con eles.

"Eu non cometín ningún delito", proclamou.

A preguntas da maxistrada presidenta repetiu varias veces que quería declarar ao final da práctica da proba, pero a xuíza lembroulle que ese era o momento de declarar.

Entón, Santórum remitiuse á súa última declaración en fase de instrución, e pediu exercer o seu dereito para pronunciar a última palabra, ao final do xuízo.

Igualmente, outros dous acusados máis (defendidos pola mesma letrada que Santórum), o irmán do propio Santórum e Emilio Xosé R.C., tamén se negaron a declarar e usarán o seu dereito á última palabra.

Juan Carlos Santórum enfróntase á pena 18 anos e medio de cárcere por tráfico de drogas e pertenza a organización criminal. Fiscalía tamén pide que pague unha multa de 438 millóns de euros.

Coñecéronse nunha poxa do Plan Nacional Antidroga

Si declarou na macrosala da Cidade da Xustiza, aínda que só a preguntas do seu avogado, Fidel F., que tiña unha empresa para fabricar e reparar embarcacións.

Na súa declaración, afirmou que ao principal acusado, Juan Carlos Santórum, coñeceuno nunha poxa de barcos que organizaba o Plan Nacional sobre Drogas en Madrid "hai moito tempo".

Explicou que Santórum, a través da empresa da súa parella, encargoulle a construción dunha embarcación de recreo, das que hai "centos na ría" e que "se afunden se sales de Cíes ou de Ons e hai un pouquiño de mar".

"É un barco de 7 metros, moi sinxeliño, sen baño nin cociña, cun vaso reforzado, moi cómodo e divertido", comentou o procesado para descartar que se tratase dunha narcolancha, e engadiu que fixeron a proba de auga da embarcación no Liceo de Bouzas, como el adoita facer.

Tamén relatou que Juan Carlos, por amizade, ía pola nave, unhas veces só e outras, acompañado.

Na sala, a pedimento do avogado, escoitouse unha conversación cun funcionario do Seprona sobre medidas da pandemia (2020), outra cun amigo que se dedica a importacións e exportacións sobre motores para embarcacións -"teño unha empresa náutica e, se compro motores é para vendelos e sacar beneficio", dixo-, e tamén a súa charla con outro colega dunha empresa de transportes sobre a descarga do vaso dunha embarcación.

Respecto á chamada que recibiu dun número portugués -investigado na causa- o 27 marzo de 22:30 horas, contou que non lle deu importancia ata que o seu avogado lla lembrou e, reproducida en sala, só se escoitou o seu "si" da resposta e, a continuación, o seu intento de volver contactar co número, pero ninguén descolgou.

Xustificou tamén unha reunión con Santórum o 14 de abril de 2020 nunha rotonda tras saír da súa nave de Sárdoma (Vigo) e dixo que nela falaron do roubo que sufrira a embarcación de recreo da muller do principal acusado, xa que Fidel coñecía ao perito. Ao longo da súa declaración fixo alusión explícita a dous fiscais de Pontevedra cos que, segundo dixo, ten amizade.

Previamente, completouse a rolda de declaracións dos tripulantes de Bangladesh e Nepal que ían no 'MV Karar' xunto a un galego.

Todos eles coincidiron en que se enrolaron no barco sen saber que mercadoría ía transportar, algo que si o coñeceron cando se dispoñían a partir de Panamá para recoller a cocaína fronte á costa de Colombia, xa que o tripulante galego encargouse de contar os fardos que cargou o buque.

Un deles, Rupesh A., quen se encargaba de tarefas de limpeza, sinalou, como xa fixeran outros na sesión do luns, a un nepalí residente en Colombia -que non está procesado- como o encargado de darlle instrucións ao segundo oficial, Kiran T., e afirmou que o viu nunha ocasión no barco en Panamá en 2019.

Preguntado sobre por que a súa versión actual non coincide coa que ofreceu na fase de instrución, afirmou que "o correcto" é o que agora admitiu.

Bahadur B., outro traballador de mantemento, afirmou que todos os traballadores participaron na carga da droga.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade