Publicador de contidos

Publicador de contidos

A compra de vivenda cae un 3,4 % tras 13 meses á alza e marca o peor agosto en 5 anos

A compra de vivenda cae un 3,4 % tras 13 meses á alza e marca o peor agosto en 5 anos

Malia todo, no acumulado do ano seguen presentando un crecemento do 16,1 %

Porén, en Galicia subiu un 7,1 %

G24.gal 23/10/2025 09:31

A compravenda de vivendas caeu en agosto un 3,4 % interanual, o seu primeiro descenso no que vai de ano, e contabilizou 47.697 operacións, a cifra máis baixa que se rexistra para este mes en cinco anos, segundo os datos publicados este xoves polo Instituto Nacional de Estatística (INE).

Se se compara co mes anterior, xullo, a caída das operacións foi máis pronunciada, do 26,3 %, nun contexto marcado pola falta de oferta e o encarecemento de prezos.

Con este descenso de agosto, mes caracterizado polas vacacións de verán, as compravendas de vivenda rompen con 13 meses consecutivos de subidas, aínda que no acumulado do ano seguen presentando un crecemento do 16,1 %.

A compravenda de vivendas iniciou o exercicio cunha subida do 11 % en xaneiro, que se acentuou ao 13,9 % en febreiro, disparouse un 40,6 % en marzo, suavizouse ao 2,3 % en abril e volveu crecer en maio a dobre díxito un 39,7 %.

En xuño a subida rozou o 18 % e en xullo foi do 13,7 %. Uns crecementos que se viron interrompidos en agosto cunha caída do 3,4 %.

Para este mesmo mes, o INE deu a coñecer hoxe que o número de hipotecas sobre vivendas rexistradas nos rexistros da propiedade foi de 33.271, un 7,5 % máis en taxa anual.

 Menor número de compras de segunda man en agosto desde 2020

Por tipo de vivenda, as compravendas de segunda man -que seguen sendo as máis numerosas ao concentrar case o 79 % do total- caeron un 4,9 % en agosto, o seu maior descenso desde xuño de 2024, e sumaron 37.574 unidades.

Segundo os datos do INE, que elabora esta estatística a partir da información contida nos Rexistros da Propiedade, trátase da cifra máis baixa nun mes de agosto desde 2020.

Con este recorte a compra de vivenda usada rompe con once meses de taxas positivas.

Pola súa banda, as compravendas de vivenda nova si aumentaron en agosto, aínda que dunha forma máis moderada (2,9 %), e alcanzaron as 10.123 operacións. Encadean así 14 meses á alza.

Por réxime de vivenda, a libre sumou en agosto 44.548 transaccións, o 93 % do total, e anotouse unha caída do 2,6 % interanual. As compravendas de vivenda protexida caeron de forma máis acentuada, un 12,6 %, ata as 3.149 operacións.

Soben case un 16 % no que vai de ano

A pesar da caída de agosto, as compravendas acumulan un avance do 16,1 % no que vai de 2025. A vivenda nova foi a que máis aumentou ata agosto, un 26,1 %, mentres que a usada fíxoo un 13,5 %. Por réxime, a vivenda libre subiu un 16,7 % no ano e a protexida o 8,1 %.

Cae en nove comunidades, con Asturias á cabeza (-23 %)

A compravenda de vivendas caeu en agosto en nove comunidades autónomas e subiu nas oito restantes.

Os descensos rexistráronse en Asturias (–23,2 %), Canarias (–15,2 %), Murcia (–8,2 %), Estremadura (-8 %), Andalucía (-6,8 %), Comunidade Valenciana (-6,7 %), Comunidade de Madrid (-6,4 %), País Vasco (-5,3 %) e Cataluña (-0,6 %).

Pola súa banda, os aumentos déronse na Rioxa (33,7 %), Castela e León (11,3 %), Aragón (8,6 %), Castela-A Mancha (7,2 %), Galicia (7,1 %), Cantabria (6,1 %), Navarra (4,4 %) e Baleares (1,3 %).

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade