Publicador de contidos

Publicador de contidos

José Sambade: "A miña etapa na selección foi o máis próximo ao inferno"

José Sambade: "A miña etapa na selección foi o máis próximo ao inferno"

No programa 'Ao contraataque' da Radio Galega, cualificou como a súa "peor etapa como profesional" o seu paso polo equipo nacional

G24.gal 07/09/2023 16:45 Última actualización 07/09/2023 17:15

O exadestrador de porteiros da selección española José Sambade, que ocupou o cargo entre febreiro e xullo de 2021 durante a etapa de Luis Enrique como seleccionador, cualificou como a súa "peor etapa como profesional" o seu paso polo equipo nacional.

"Tiven a sorte de traballar en grandes clubs, de ter momentos bos e malos en todos os clubs, pero sinceramente a miña época na selección foi a peor. Desde pequeno soñei con chegar aí, pensas que é o paraíso, e ao final foi o máis próximo ao inferno", declarou nunha entrevista no programa 'Ao contraataque' da Radio Galega. 

Con pasado en clubs como o Deportivo, Besiktas, Fulham e Mónaco, o adestrador coruñés recoñeceu que un dos seus "grandes erros" foi aceptar a oferta da Federación Española.

"A xente que me contratou confiaba moito en min, pero a xente coa que tiña que traballar non contou comigo desde o principio. Atopeime entre dúas augas. O meu grande erro foi empezar", afirmou.

Sambade definiu a Luis Enrique como "un grande adestrador", pero ao mesmo tempo deixou claro que discrepaba "bastante" con el.

"Houbo moitas cousas, necesitaría moitos programas para explicarme. Para min foi unha época complicada. Tiña un contrato longo, viña cunhas expectativas altas porque quería volver a España, e que mellor lugar que a selección, pero ás veces atópaste con dificultades insalvables", dixo.

 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade