José Manuel Albares: "O envío de tropas a Ucraína está totalmente descartado"
Así respondía o ministro de Asuntos Exteriores á ministra de Dereitos Sociais
Ione Belarra alertaba de que "non hai garantías de que España non envíe tropas"
A implicación española como aliado da OTAN na guerra en Ucraína volveu amosar as diferenzas dos socios do Goberno de coalición.
Nas últimas horas a ministra de Dereitos Sociais aseguraba que foi un erro "contribuír á escalada bélica". Ione Belarra alertaba de que non hai garantías de que España non envíe tropas e advertía de que "estamos máis preto dun enfrontamento militar entre potencias nucleares".
"Esta guerra só vai rematar de dúas maneiras ou cun alto o fogo e coa apertura dunha negociación seria avalada por organismos internacionais ou ben cun enfrontamento militar entre potencias nucleares. Por desgraza, hoxe estamos máis preto do segundo escenario que do primeiro", di Ione Belarra, ministra de Dereitos Sociais.
O ministro de Asuntos Exteriores respondía este domingo. José Manuel Albares negaba con rotundidade que o Goberno de España, así como a Unión Europea ou a OTAN vaian enviar tropas á guerra en Ucraína.
"O envío está absolutamente descartado por parte de España, da UE ou da OTAN. Calquera persoa que queira facer crer ou pasar a mensaxe de que hai algunha planificación de envío de tropas españolas, da UE ou da OTAN a Ucraína está lanzando unha auténtica falsidade", sinala José Manuel Albares, ministro de Asuntos Exteriores.
O ministro de Asuntos Exteriores volveu defender o envío de armas a Ucraína. Albares remitiuse aos anuncios do presidente do Goberno sobre o envío de dez tanques Leopard, "que estarán operativos", dixo, "cara a finais de marzo".
