Jorge Mira: "Espero que a UE siga sendo racional porque hai que facer o cambio estacional de hora"
O catedrático de Electromagnetismo na Facultade de Física da USC, firme defensor do cambio de hora, agarda que cando se revise a decisión ao respecto as institucións comunitarias manteñan a rutina anual de adaptarse "á latitude á que está colocada Europa"
O cambio de hora na primavera e no outono lévase facendo desde 1973 a consecuencia da crise do petróleo, para aforrar enerxía. Máis de cincuenta anos despois, continúanse atrasando e adiantando os reloxos dúas veces ao ano co conseguinte debate sobre a necesidade ou a conveniencia de facelo.
E iso co horizonte de 2026, cando xa non se garante a súa continuidade. Jorge Mira, catedrático de Electromagnetismo na Facultade de Física da USC, é un firme defensor do cambio de hora, agarda que a Unión Europea decida manter esta medida: "A UE o que fai é avaliar quinquenalmente a medida, e cando se avalía positivamente prorrogase cinco anos máis. Isto leva ocorrendo dende hai xa varias décadas. Espero que siga sendo racional o criterio porque hai que facer o cambio estacional de hora á latitude á que está colocada Europa".
"Non estamos no ecuador. Alí o sol sae sempre á mesma hora e polo tanto non hai que facer cambio estacional. Tampouco nas zonas tropicais, pero fóra desas zonas si. En Galicia o punto de amencer cambia tres horas e cuarto cada seis meses", explica Jorge Mira.
"Na latitude de Galicia como o punto de saída do sol cambia, toda a natureza, a bichería toda, e os seres humanos sempre fixemos e faremos o cambio estacional de hora. O ser humano, os galegos de hai cen anos, non tiñan reloxo a maioría deles, vivían co sol. A primeira hora oficial de España é de 1901. Polo tanto este cambio de empezar a regularnos co reloxo é unha cousa que leva poucas décadas. E polo tanto temos que respectar a nosa evolución de toda a nosa historia", mantén o catedrático da USC.
En canto á posibilidade de que a España peninsular adopte outro fuso horario, Mira sostén que "non hai ningún problema con iso. O fuso é unha marca de referencia, como se alguén di que hai un problema porque España usa a temperatura en graos Celsius en lugar da Fahrenheit. Non hai problema con iso".
"Nós temos publicado análises de datos de comportamentos colectivos de Italia ou de España comparativamente e vemos que españois e italianos fan con respecto á posición do sol o mesmo tipo de vida, os prime-times van igual, practicamente igual", explica. "Claro hai que ter en conta que o prime-time de Italia vai unha hora antes porque o sol pasa unha hora antes por enriba de Roma que por enriba de Madrid. Igual que pasa dez horas antes por enriba de Toquio. A anomalía horaria española é un fake que levo intentando demostrar dende hai moito tempo".
Jorge Mira defende que hai unha adaptación natural ás condicións de cada latitude: "Por exemplo, os escandinavos no inverno, pensa que na metade de Finlandia pasan de 24 horas de noite a 24 horas de día cada seis meses. Cando vas en decembro é sempre de noite, e cando vas en xullo é sempre de día. Están nun extremo moi particular nos cales, por exemplo, no inverno o amencer ocórrelles moi tarde e iso créalles unha especie de postura incómoda, e por iso o cambio de hora a eles non lles é tan útil".
"Nós fixemos unha análise bastante polo miúdo de máis de catro millóns de respostas, e vemos que hai unha correlación bastante perfecta, e iso impugna certas teses da xente da cronobioloxía que che di que ten que ver co fuso. Non. Isto é unha resposta fisiolóxica que ten que ver co punto de activación do ser humano no amencer", conclúe.