Publicador de contidos
Publicador de contidos

Johnson di que Putin o ameazou cun ataque con mísiles que "só levaría un minuto"

Johnson di que Putin o ameazou cun ataque con mísiles que "só levaría un minuto"

Moscova nega esas ameazas e di que ou ben Boris Johnson mente intencionadamente ou non entendeu o que lle dicía Vladimir Putin

G24.gal 30/01/2023 12:24

O exprimeiro ministro británico Boris Johnson revelou que o presidente de Rusia, Vladimir Putin, ameazouno con atacalo cun mísil durante unha chamada telefónica que mantiveron antes da invasión rusa de Ucraína en 2022.

Segundo Johnson, Putin díxolle que non quería magoalo, pero que o ataque con mísil "só levaría un minuto".

A ameaza, segundo conta Johnson nun programa que ten previsto emitir este luns á noite a BBC, fíxose despois de que o exprimeiro ministro lle advertira a Putin de que a guerra sería unha "catástrofe total".

O relato de Johnson forma parte dun documental da cadea pública británica que avalía os contactos de Putin cos líderes mundiais antes da invasión de Ucraína de febreiro de 2022.

O exxefe do Goberno do Reino Unido tamén advertiu a Putin, nesta longa conversación telefónica, de que a invasión de Ucraína provocaría sancións occidentais e a despregadura de forzas da Alianza Atlántica nas fronteiras con Rusia.

Johnson tamén tratou de evitar a acción militar rusa ao dicirlle a Putin que Ucraína non se uniría á OTAN.

"Ameazoume nun momento e díxome: 'Boris, non quero magoarte, pero cun mísil só levaría un minuto' ou algo así", conta Johnson.

"Pero creo que polo ton moi relaxado que estaba a tomar, o tipo de aire de indiferenza que parecía ter, só estaba a xogar cos meus intentos de que negociase", agregou Johnson, que cualificou a chamada de "moi familiar" e "extraordinaria".

O Kremlin nega a ameaza

O Kremlin desmentiu este luns esas declaracións. "Non, o que dixo o señor Johnson non é verdade, e máis exactamente, é mentira", afirmou o portavoz da Presidencia rusa, Dmitri Peskov.

O representante do Kremlin sinalou que "se se tratou dunha mentira intencionada, xorde a pregunta de con que obxectivo elixiu esta forma de expresarse, e se non foi intencionada, foi porque non comprendeu que lle dicía o presidente Putin".

"Entón xorde un sentimento de incomodidade cos interlocutores do noso presidente", ironizou.

Peskov asegurou estar ao tanto dos temas que debateron ambos os líderes durante a chamada telefónica.

"Repítoo novamente de modo oficial: é mentira. Non houbo ningunha ameaza cun ataque cun mísil", dixo.

Segundo o portavoz do Kremlin, Putin díxolle a Johnson que se Ucraína ingresaba na Alianza Atlántica, "o potencial emprazamento de mísiles da OTAN ou dos EUA xunto ás nosas fronteiras significaría que calquera mísil podería chegar a Moscova en breves minutos".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade