O fillo dun empresario galego fala de situación "desesperada" no sur de Ucraína
Fan acopio de subministracións para repartir entre a poboación de Kherson
A comunidade ucraína en Galicia vive con angustia e impotencia a invasión rusa
Desde o sur de Ucraína, en Jerson, o fillo dun empresario galego fai acopio de subminisitracións para repartir entre a poboación. A cidade, di, está rodeada polo exército ruso, asegura que escapar é imposible e agora o obxectivo é organizarse para sobrevivir o asedio.
"A situación é desesperada. Cortaron as comunicacións e a cidade está quedando sen subministracións. Meu fillo logrou comprar 100 quilos de fariña para facer pan e repartilo entre a poboación, tamén foron buscar bidóns de gasolina para as ambulancias", explica Julio Suárez, angustiado pola situación do seu fillo.
As noticias que chegan de Kiev tamén falan de que cada vez hai menos subminisitros, de colas de día e noites en refuxios e estacións de metro. Mensaxes que teñen en tensión a comunidade de ucraínos que vive en Galicia.
"Temos moita ansiedade, están destruíndo todo, vidas e familias" lamenta Masha Makarenko, unha xogadora de balonman ucraína que leva dez anos residindo en Mos.
Séntense impotentes por non poder axudar as súas familias e piden medidas contundentes que atallen un conflito que, segundo recordan, ameaza toda Europa.