Jéssica Bouzas estréase por primeira vez no 'top' 50 mundial
O día 24 do próximo mes xogará o Us Open, o seu cuarto Grand Slam da tempada

Jéssica Bouzas estrea hoxe luns o seu mellor claficación na clasificación WTA ao ocupar o posto 50 mundial. A excelente actuación da vilagarciá en Wimbledon, onde se meteu en oitavos de final tras gañar á alemá Ela Seidel, á norteamericana Sofía Kenin e á ucraína Dayana Yastremska catapulta a moza de 22 anos por primeira vez ao top 50 do circuíto profesional feminino, consolidándoa entre as mellores raquetas do mundo.
Tras disputar e gañar a Copa do Rei o sábado en Huelva ante unha Paula Badosa que tivo que abandonar por lesión, o calendario non dá tregua a Bouzas Maneiro este verán, coa xira americana en pista rápida como seguinte reto.
Apuntada en principio para xogar a partir do luns da próxima semana na República Checa no Livesport Prague Open 2025, un WTA 250, todo fai indicar que a vilagarciá non viaxará a Praga e a súa reaparición será directamente no WTA 1000 de Montreal (O Canadá) que arrinca o 27 de xullo.
A continuación disputará o WTA 1000 de Cincinnati (a partit do 7 de agosto) e o día 24 do próximo mes xogará o Us Open, o seu cuarto Grand Slam da tempada tras caer en segunda rolda ante Sabalenka no Open de Australia, en terceira rolda en Roland Garros e en oitavos de final en Wimbledon.