Jasikevičius reencóntrase co Pazo 20 anos despois
O Breogán recibe ao Barça do técnico lituano que tan bo recordo deixou no 2002 como xogador
Para o Obradoiro chega o Real Madrid mañá ás 18:00h
O 50% dos equipos clasificados para a final entre catro da Euroliga visitan esta fin de semana Galicia. Barcelona e Real Madrid son os rivais dun Breogán que aínda soña co playoff e dun Obradoiro que ve moi preto a permanencia.
Os lucenses viviron unha semana de ilusión tras o meritorio triunfo en Gran Canaria e coa renovación do heroe desa vitoria, Erik Quintela, e tamén a do seu irmán Sergi. O reto é maiúsculo. O Barcelona viaxou sen Mirotic e Exum e recupera a Higgins, pero os celestes repiten as súas importantes baixas, Bell Haynes e Musa. Aínda así, o Breogán loitará ata o final polo dereito a disputar competición europea.
Volverá ao Pazo Šarūnas Jasikevičius que aló polo 2002 impartía maxisterio no recinto lucense con asistencias espectaculares e con triplas marca da casa.
O rival do Obradoiro é un Real Madrid que esqueceu as dúbidas de hai un mes. Tres triunfos seguidos en liga e outros tres na exitosa eliminatoria europea diante do Maccabi falan do bo momento dos de Pablo Laso. Diante disto, os de Moncho Fernández aférranse a súa fortaleza como local, onde sumou catro vitorias nos últimos cinco partidos.
A loita por evitar o descenso vive esta tarde un dramático Andorra Fuenlabrada. O que suceda neste partido e o Burgos- Unicaja de mañá pode converter o encontro na festa pola permanencia.