Iván Villar asina a renovación co Celta ata o ano 2027
Remataba contrato no mes de xuño e prolonga a súa estadía tres temporadas máis
Chegou con dez anos ao club e, no caso de esgotar o asinado, chegará ata os vinte anos como celeste
Despois da saída de Agustín Marchesín do Celta, o club anunciou un novo movemento na portería. Neste caso é a prolongación do contrato do gardameta de Aldán Iván Villar (1997). Villar remataba o contrato neste mes de xuño e asinou ata final da campaña 2026-27.
Iván Villar chegou á Madroa con dez anos, cando era un xogador alevín. No caso de rematar o comprometido chegará aos vinte anos defendendo a porta do club celeste, algo que fixo en todas as categorías.
Con só 16 anos debutou co filial e con 20 xogou diante do Alavés co primeiro equipo. A temporada anterior e tras a lesión de Marchesín o seu rendemento foi óptimo, unha das razóns da permanencia do Celta na Primeira. Este ano tamén ocupou a titularidade ata a expulsión diante do Atlético. Daquela tomou a remuda Guaita, pero Villar está acostumado a pelexar e seguirao facendo no equipo da súa vida tres campañas máis.