Publicador de contidos

Publicador de contidos

Israel intercepta os dous últimos barcos da flotilla rumbo a Gaza

Israel intercepta os dous últimos barcos da flotilla rumbo a Gaza

A Armada israelí completou o bloqueo en dúas xornadas

Reuters Reuters
G24.gal 19/05/2026 18:51

As Forzas Armadas israelís completaron este martes a interceptación dos dous últimos barcos que integraban a flotilla humanitaria e que mantiñan o seu rumbo a Gaza, tras dous días de operacións contra as embarcacións que trataban de alcanzar a Franxa.

A última embarcación foi interceptada ao redor das 15.30 GMT deste martes, (17.30 hora galega), cando unha patrulleira militar israelí se aproximou ao veleiro Sirus, un dos dous últimos barcos que permanecían navegando en dirección á costa gazatí.

A Flotilla Global Sumud, organizadora da expedición, confirmara pouco antes desta última interceptación que dúas embarcacións seguían en alta mar "a pesar de que a maior parte da flotilla foi interceptada".

Durante a xornada deste martes, Israel interceptou os barcos que aínda permanecían operativos, cuns 70 activistas a bordo, despois de que o luns as forzas israelís bloqueasen máis dunha trintena de embarcacións e detivesen decenas de participantes en augas internacionais próximas a Chipre.

En retransmisións en directo difundidas polos activistas puido verse como soldados israelís armados abordaban algunhas das embarcacións mentres os seus ocupantes, con chalecos salvavidas postos, permanecían coas mans no alto.

A Freedom Flotilla Coalition cifrou en 400 os "participantes civís desarmados", procedentes de 45 países, que foron "secuestrados en augas internacionais polas forzas militares israelís".

Segundo os organizadores, os activistas retidos están a ser trasladados ao porto israelí de Ashdod, aínda que se descoñece que medidas adoptarán as autoridades de Israel unha vez desembarquen no seu territorio.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade