Publicador de contidos

Publicador de contidos

Irán presenta unha proposta para poñer fin á guerra, pero Trump non a ve "suficientemente boa"

Irán presenta unha proposta para poñer fin á guerra, pero Trump non a ve "suficientemente boa"

A proposta foi transmitida a través de Paquistán e consta de 10 puntos, entre os que se atopan a fin das hostilidades na rexión, un protocolo de paso seguro polo estreito de Ormuz e o levantamento das sancións

Israel ataca a principal planta petroquímica de Irán

Israel mata o xefe de intelixencia da Garda Revolucionaria iraniana

Irán rexeita un cesamento do fogo temporal e busca unha fin permanente do conflito Irán rexeita un cesamento do fogo temporal e busca unha fin permanente do conflito
G24.gal 06/04/2026 17:03

Irán transmitiu aos Estados Unidos unha proposta para poñer fin á guerra, que rexeita un cesamento do fogo temporal e busca unha fin permanente do conflito, informou este luns a axencia estatal IRNA.

A proposta foi transmitida a través de Paquistán e consta de 10 puntos, entre os que se atopan a fin das hostilidades na rexión, un protocolo de paso seguro polo estreito de Ormuz e o levantamento das sancións, de acordo coa axencia oficial do país, que dixo ter acceso ao documento.

Teherán rexeita así “un cesamento do fogo e subliña a necesidade dun fin permanente da guerra que teña en conta as súas propias consideracións”. 

Os Estados Unidos entregou unha proposta de 15 puntos a través de Islamabad á República Islámica hai dúas semanas, que Teherán cualificou como excesiva.

A contraproposta iraniana prodúcese despois de que o presidente estadounidense, Donald Trump, ameazara onte de novo a Irán con desatar "o inferno cando venza o ultimato que deu á República Islámica para desbloquear Ormuz ás 20:00 horas do martes 7 en Washington (6:00 do mércores hora galega), cando atacará infraestruturas enerxéticas e pontes.

Ao mesmo tempo, o republicano asegurou nunha entrevista á canle Fox News que se ve capaz de lograr un acordo con Teherán a tempo.

Cesamento do fogo de 45 días

Segundo o medio estadounidense Axios, os EUA, Irán e un grupo de mediadores rexionais debaten os termos dun posible cesamento do fogo de 45 días que podería conducir á fin definitiva da guerra emprendida polos Estados Unidos e Israel contra Irán o pasado 28 de febreiro.

O medio, que cita catro fontes estadounidenses, israelís e rexionais con coñecemento das conversacións, sinala que as negociacións se están levando a cabo a través de mediadores paquistanís, exipcios e turcos; así como mediante mensaxes de texto intercambiados entre o enviado de Donald Trump, Steve Witkoff, e o ministro iraniano de Exteriores, Abás Araqchí.

O portavoz do Ministerio de Exteriores iraniano, Ismail Bagaei, asegurou hoxe que Irán non negociará cos Estados Unidos baixo a presión dos ultimátums de Trump.

O diplomático asegurou, ao ser preguntado polas supostas negociacións, que un cesamento do fogo non “significa unha pausa para reagruparse e rearmarse co fin de continuar o crime".

“A nosa esixencia é o fin da guerra imposta, xunto con garantías de que este ciclo nefasto non se repetirá”, precisou. 

Trump di que é "significativo" pero non "suficientemente bo"

O presidente estadounidense, Donald Trump, afirmou este luns que os negociadores iranianos presentaron unha proposta "significativa" para poñer fin á guerra iniciada polos Estados Unidos e Israel, pero considerou que "non é suficientemente boa".

"Fixeron unha proposta, e é unha proposta importante, un paso significativo. (...) Non é suficientemente boa, pero é un paso moi significativo", dixo a xornalistas na Casa Branca

 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade