O transporte pide axudas directas e gasóleo máis barato ante a suba disparada dos custos
Os empresarios de camións e autobuses din que os seus gastos se están a descontrolar por mor da guerra
A patronal reclama un pagamento para cada vehículo como o que se aplicou coa invasión de Ucraína
Os números, como os grandes camións, impoñen. As empresas de transporte de mercadorías cargan cun peso extra na súa conta de resultados: a escalada do prezo do combustible. A guerra con Irán está a disparar os prezos e, de xeito inevitable, nótase en cada servizo. Sexan empresas grandes ou pequenas, todas teñen que gastar máis.
"Estamos agora coas viaxes internacionais, e na última que se fixo houbo unha repercusión de setecentos ou oitocentos euros a maiores só de combustible con respecto a viaxes anteriores", asegura Javier Castiñeira, o director de Servi Global Trans, unha compañía de Mos que ten cento oitenta camións entre Galicia e as súas bases en Andalucía.
Por lei, os cargadores deben asumir parte desa suba. Xa está regulado así. Pero na práctica non sempre o fan, sobre todo se son grandes empresas que poden presionar a pequenos transportistas, que son, en realidade, a inmensa maioría no sector. Por iso a patronal, na última reunión co Goberno, reclamou que se faga cumprir esa norma.
"E que a cargadora que non permita esa repercusión do gasóleo, sexa sancionada, como a Lei de Morosidade", pide Natalia Blanco, a xerente de Apetamcor, a asociación que agrupa mil setecentos transportistas en Galicia.
A alza dos combustibles tamén afecta os autobuses. No seu caso, teñen moi difícil repercutírllela aos viaxeiros, en especial cando falamos de pasaxes que se mercan con tempo de antelación ou servizos que se contratan por anticipado.
"Por exemplo, o transporte escolar ou excursións que igual hai catro, cinco ou seis meses que foron contratadas", expón José Manuel Álvarez, o xerente e propietario da compañía de autobuses Autna.
Por iso, o sector reclama axudas directas aos transportistas, isto é, que reciban da administración un pagamento único por cada vehículo, e tamén que se rebaixe aínda máis o prezo do gasóleo para os profesionais da estrada.
"Temos de exemplo a guerra de Ucraína, que foron mil oitocentos euros por vehículo pesado", propón a xerente de Apetamcor.
"Se hai un gasóleo profesional, ese 0,10 que dá o Goberno ao mellor era máis... A ver, necesitamos algo máis", asegura o xerente de Autna.
"Porque se isto segue así, se cadra, haberá que parar camións e non transportar mercadorías", engade o director de Servi Global Trans.
E se o transporte para, di o sector, todo se detén.