Rueda "renderá contas do feito" e manterá a vivenda como un dos eixes do debate do estado da autonomía
Rueda "renderá contas do feito" e manterá a vivenda como un dos eixes do debate do estado da autonomía
Asegurou que o grao de cumprimento das medidas comprometidas "é alto, do 85 %", polo que descarta as criticas da oposición sobre que as propostas do anterior debate quedaron en "papel mollado"
Puxo en valor a "normalidade institucional" que vive Galicia, cun debate de política xeral cada ano e coa aprobación de novos orzamentos
O presidente da Xunta asegurou que no debate sobre o estado da autonomía previsto para este mércores no Parlamento galego espera facer balance e "render contas do feito", á parte de anunciar medidas coa vivenda como un dos "temas centrais".
Na súa comparecencia tras a reunión semanal do Consello da Xunta, asegurou que o grao de cumprimento das medidas comprometidas anteriormente é "alto, dun 85 %", polo que descartou as críticas da oposición sobre que as propostas do ano pasado quedaron en "papel mollado".
Rueda, que é tamén o líder do PPdeGalicia, partido con maioría no Parlamento galego, asegurou que exporá, no seu discurso inicial, que "as cousas se están facendo e cumprindo", polo que "xa lle gustaría ao BNG ter o mesmo nivel de cumprimento" no acordo de investidura co PSOE, o que está "todo sen facer a día de hoxe", apostilou.
Ademais, puxo en valor a "normalidade institucional" que vive Galicia, cun debate de política xeral todos os anos e tamén aprobación de novos orzamentos, en contraste "co panorama" a nivel estatal.
En canto ás novas propostas, dixo que "o eixe vai seguir sendo a vivenda", como "un dos temas centrais desta lexislatura", e tamén medidas para facer fronte a cuestións que están "a afectar a produtividade", en referencia ás baixas médicas e o absentismo laboral, segundo aclarou posteriormente.
Tamén haberá medidas para "ampliar as coberturas de carácter social" e, sobre posibles novas rebaixas fiscais, Rueda indicou que xa hai varias en vigor aínda que a intención da Xunta continúa sendo "non subir impostos e, cando se pode, baixalos". Así que serán propostas que "afectan moi directamente á vida de moitos galegos e galegas", resumiu.
Pero tamén vai dar "moita importancia" ao balance do feito nestes dous anos, ao chegar ao ecuador da lexislatura, e "constatar que aquilo ao que nos comprometemos, facémolo", ou se algunha cousa das comprometidas non se pode facer "explicar cales son as circunstancias", engadiu Rueda.
O presidente galego admitiu que a oposición está "no seu dereito e o seu papel" de facer críticas, pero reprochou que sempre as fai "sen coñecer as propostas".
Por outra banda, Rueda afirmou, en resposta a se ten previsto esgotar a lexislatura, que "a día de hoxe" non contempla un adianto electoral, xa que acaba de pasar a metade da lexislatura e a súa intención é "ter moito tempo por diante para executar todo aquilo ao que nos comprometemos e que a xente nos esixe".
Con respecto aos adiantos electorais do PP noutras comunidades, reiterou que o que decide cada presidente autonómico é "baixo a súa responsabilidade" e tendo en conta as "circunstancias" do seu territorio, e máis nunha cuestión "tan importante" como a data electoral.
No que respecta ao caso concreto de Galicia, "a día de hoxe, a estabilidade institucional e o tempo por diante para facer cousas eu valóroo moito", insistiu.