As Medallas do Parlamento honran os primeiros pasos do feminismo institucional galego
Recibiron a distinción as 9 deputadas que participaron na Cuarta Conferencia Mundial sobre a Muller de Pequín e a exconselleira e exparlamentaria Manuela López Besteiro
O Parlamento de Galicia entregou este luns as súas medallas anuais ás nove deputadas autonómicas participantes, en 1995, na Cuarta Conferencia Mundial sobre a Muller celebrada en Pequín e á exconselleira e exparlamentaria Manuela López Besteiro.
A cerimonia de entrega serviu para recoñecer o traballo levado a cabo por algunhas das pioneiras dos avances feministas nas institucións da Galicia autonómica; entre elas as integrantes da primeira comisión parlamentaria para a igualdade e os dereitos das mulleres, creada en 1994 durante a cuarta lexislatura e na que se elaborou o documento basee que se levou a Pequín.
O acto tivo lugar este 6 de abril con motivo do 45º aniversario da promulgación do Estatuto de Autonomía de Galicia e nel recibiron a Medalla do Parlamento María Xosé Ares Casal, María Teresa Fernández Piñeiro e María Fernanda Cerviño Villaverde, pertencentes ao Grupo popular; María Xosé Porteiro García e María Antonia Álvarez Yáñez, do Grupo socialista e María Pilar García Negro e Olaia Fernández Dávila, do BNG.
Así mesmo, a distinción tamén se estende, a título póstumo, ás ex-deputadas Pilar Pedrosa González de Castejón e María Elisa Madarro González, ambas do PP. A súa excompañeira de partido Manuela López Besteiro tivo un emocionado recordo para as dúas durante a súa intervención, na que se declarou "moi honrada" de recibir a Medalla do Parlamento polo labor común levado a cabo para "construír unha Galicia mellor" e máis igualitaria.
López Besteiro, que foi deputada e logo parte de varios dos gobernos de Manuel Fraga, destacou que, no seu momento, apenas eran nove as mulleres que se sentaban nunha Cámara autonómica con setenta e tres representantes; pero valorou que neste contexto puidesen impulsarse medidas en aras da igualdade que aínda perviven.
"Galicia xa existía antes do estatuto, pero creceu e fíxose adulta grazas a el e ao labor do Parlamento e do Gobierno e as súas institucións", afirmou a exconselleira, que advertiu das "zonas grises" no camiño cara á igualdade plena, como a violencia vicaria ou de carácter sexual.
No seu discurso, María José Porteiro, valorou o progresivo avance dos dereitos das mulleres nas sociedades a nivel mundial e, en relación ao Estado español, lembrou que, ata a morte de Franco en 1975 e a posterior implantación da democracia, elas gozaban dunha "cidadanía amputada".
Pola súa banda, María Pilar García Negro aludiu ao compromiso de Galicia coa loita feminista desde as súas orixes e, aínda que celebrou que a igualdade de xénero sexa xa "un elemento do catálogo democrático habitual", alertou de que aínda "raíña infelizmente unha división sexual do traballo que non é nada edificante". No entanto, remarcou o carácter pioneiro de moitas das leis e medidas postas en marcha desde Galicia.
No seu discurso, O presidente do Parlamento, exaltou o valor da autonomía galega para a consecución de avances sociais e referiuse á participación de parlamentarias galegas na Conferencia de Pequín como un "fito" que axudou a consolidar a loita pola liberdade e a igualdade entre sexos.
Nesta liña, lembrou Santalices que hai trinta anos, cando as deputadas galegas levaron a Pequín o acordo unánime das forzas parlamentarias alcanzado na Comisión para a Igualdade da Cámara galega, as mulleres só ocupaban o 16% dos escanos no Pazo do Hórreo, mentres que actualmente son "unha clara maioría".
Con posterioridade, o 25 de outubro de 1995, o Parlamento galego ratificou por unanimidade o acordo da Comisión para a Igualdade relativo á Declaración Parlamentaria de Pequín, coa vontade de que se traducise en medidas para solucionar os problemas de discriminación e de exclusión social das mulleres.
Deste xeito, Galicia converteuse na primeira comunidade en aprobar a axenda de Pequín, do mesmo xeito que xa fora pioneira ao dotarse, en 1994, da Comisión para a Igualdade e para os dereitos das Mulleres.
Doutra banda, destacou o traballo da exconselleira Manuela López Besteiro, quen, como deputada da III Lexislatura, impulsou que por primeira vez se incluíse no organigrama do Goberno galego un departamento, con rango de dirección xeral, dedicado á promoción da igualdade a través de accións concretas.
O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices, foi o encargado de pechar un acto ao que asistiron o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, boa parte do seu equipo de goberno e membros dos partidos con representación na Cámara autonómica; así como doutras entidades e institucións.